«Unha persoa advertiunos que estaban a caer rocas», aseguraba un mozo

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

FOTO MIGUEL

Outros visitantes da praia ribadense das Catedrais foron os primeiros en auxiliar onte á muller falecida

01 abr 2018 . Actualizado ás 11:16 h.

«Apartade, apartade», berraba un mozo que onte ao mediodía abandonaba a praia. Os seus berros alarmaron aos turistas que estiraban os minutos para visitar o areal das Catedrais antes de que a marea o engulise. Todas as miradas se centraron no mozo que alertaba a pé de praia, onde unha moza valisoletana, Irene Baladrón, falecía tras caerlle unha pedra dunha das covas.

A alegría dun día de lecer tinguiuse de loito. Non faltaron voluntarios que intentaron sen éxito salvarlle a vida. Trasladárona como puideron ata unha zona segura, na parte de arriba de entrada á praia, onde intentaron durante bastante tempo reanimala. Despois, chegou a ambulancia.

«Fíxose o que se puido na reanimación», aseguraban testemuñas presenciais que criticaban a falta de sanitarios nun lugar de referencia e icona turística como é As Catedrais. A impotencia apoderouse dos visitantes que presenciaron os feitos: «Unha persoa advertiunos que estaban a caer rocas», aseguraba un mozo que arroupaba á súa parella, que non podía deixar de chorar. Un mar de bágoas xunto ao Cantábrico.

Difícil de predicir o que ía ocorrer onte no emblemático areal, onde non deixaban de escoitarse queixas polo esvaradías que estaban as rocas. Os temporais sacudiron duramente esta praia nos últimos meses, levándose practicamente toda a area da entrada, o que estes días dificultou o acceso á mesma.

«É unha traxedia

«É unha ­traxedia e unha desgraza», repetía onte o alcalde ribadense, Fernando Suárez. «Aínda que nas inmediacións había uns médicos, que se achegaron alí para reanimala, e tamén con moita celeridade a ambulancia, Garda Civil, Protección Civil, Policía Local, vos bombeiros... todos acudiron con dilixencia, pero foi imposible facer nada pola vida desta rapaza. É unha traxedia e unha desgraza», repetía onte o rexedor ribadense, Fernando Suárez.