Adrián Ben debuta nun Nacional absoluto: «Estar na final xa sería un éxito»

La Voz VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

ANTONIO BEN

Acode ao certame de Valencia coa sétima mellor marca da tempada nos 1.500 metros

17 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Adrián Ben irrompe na elite. Avalado polo seu rutilante traxectoria como cadete, xuvenil e júnior, na que non deixou de coleccionar triunfos, medallas e plusmarcas autonómicas e nacionais, o corredor viveirense do Barcelona, de só 19 anos e que acaba de estrear a súa etapa como promesa, debuta hoxe nun campionato de España absoluto. E faino cos nervios ben tépedos -«estou tranquilo», di- e sen metas demasiado ambiciosas: «Estar na final xa sería un éxito», afirma.

Comparece no Palau Lluís Puig de Valencia coa sétima mellor marca da tempada nos 1.500 metros, a proba máis reputada do mediofondo na que se verá as caras con toda a aristocracia española. Non faltará ningunha das grandes estrelas do país: Marc Alcalá, Adel Mechaal, Kevin López... «É un orgullo correr ao lado destes grandes atletas», razoa o viveirense, que teme , sobre todo, a «quedar encerrado e sen marxe de recuperación» nunha das tres series de semifinais desta tarde. Salvo sorpresas, estarán na final os tres primeiros e os tres atletas con mellor tempo.