16 feb 2018 . Actualizado ás 16:40 h.

Hai uns días sorprendíame o anuncio de que Vigo implantaría nos seus buses paradas nocturnas a demanda para dar máis seguridade ás mulleres. Véuseme á cabeza a estación de tren de Foz. Poucos espazos coñezo tan desangelados. A diferenza doutras estacións, como a de Burela, Viveiro ou Ribadeo, no centro, a de Foz está afastada e a maioría dos viaxeiros que van a pé ao pobo cruzan a N-642. Desde novembro levamos agardando pola reforma das estacións de Foz e San Cibrao. Ese mes Renfe asegurou que ambas se enmarcaban no Plan de Integración de Servizos e Imaxe Renfe-Feve, cuxa execución comezou en setembro e prevese que conclúa este mes.

Espazos abandonados, sen apenas luz e emborronados con grafitis non transmiten seguridade. Abandono, esquecemento. Como cando sentes as ramas das árbores golpear na fiestra do tren. Unha viaxe elixida ao azar. Catro traxectos ao día. Non hai viaxeiros por que non hai oferta horaria ou non hai oferta horaria porque non hai viaxeiros? O FEVE noso de cada día.