Tarde de gala no Vista Alegre: partidazo de Primeira e derbi galego de Segunda

La Voz

A MariÑA

PEPA LOSADA

Burela-Alacante e Burela-Prone, con entrada gratuíta para os afeccionados que acudan disfrazados

10 feb 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Un partidazo e un derbi. Pouco máis se lle podía pedir á nova longametraxe de fútbol sala no pavillón de Vista Alegre. A función arrincará ás 16.30 horas co enfrontamento feminino de Primeira División entre o Peixes Rubén-Burela e o Universidade de Alacante, terceiro contra segundo, e seguirá co pulso de veciños de Segunda protagonizado polo conxunto burelista e o Prone Lugo, previsto para as 19.00 horas coa cámaras da TVG2 en directo.

A través da web da canle autonómica poderase seguir o partido feminino que Lara Balseiro, unha das mellores goleadoras locais, considera de suma relevancia para os intereses dos dous equipos. «Vai ser un partido moi complicado. Comezamos un mes no que os resultados nos marcarán o rumbo na competición e creo que é fundamental sacar os tres puntos este sábado ?por hoxe? se queremos loitar polo título de liga», advertía a 10 burelista. No encontro da primeira volta gañaron as mariñás por 3-4. «Este será moi similar, os detalles decidirán o partido», cre Lara Balseiro.

Este partidazo dará paso a un derbi lucense no que non cabe discusión sobre o favoritismo. A clasificación di que o Peixes Rubén-Burela ten moito que perder e pouco que perder diante dun Prone Lugo que acode á cita desde os postos de descenso. É penúltimo con só 10 puntos despois de 19 xornadas. Con todo, o xogador local Hélder prognostica un encontro «duro e rifado». «O Prone virá moi motivado, non só por ser un derbi senón pola súa necesidade de puntos», asegura.

Gratis para os disfrazados

A entrada nos dous partidos será gratuíta para todos aqueles afeccionados que acudan ao Vista Alegre disfrazados.