Bea Mateos: «Creo que este equipo ten que dar moito máis»

O equipo feminino burelista inicia a segunda volta na canchja do Majadahonda sen Sofía nin Sara Correia

.

burela / a voz

Despois do descanso ligueiro pola fase previa do Nacional sub-21, o equipo feminino do Peixes Rubén-Burela FS reaparece na cancha do Majadahonda para estrear a segunda volta con boas sensacións (A Granadilla. 20 horas). «Vimos dun parón e creo que hai que cambiar a mentalidade. Empezar de cero e a ver si a segunda volta dásenos mellor», explicaba a capitá Bea Mateos.

A peche burelista fai un bo balance neste ecuador ligueiro, aínda que con marxe de evolución, sobre todo a domicilio, con máis concentración e traballo e, sobre todo, co obxectivo inmediato de romper os malos números na comunidade madrileña: «Acabamos nunha boa praza a primeira volta, pero creo que este equipo ten que dar moito máis; ten que ter máis sacrificio, compromiso e paixón. Cada vez que imos a Madrid vimos cun mal resultado, pero creo que non deixa de ser froito da casualidade. Temos que cambiar en moitos aspectos», advertiu Bea Mateos.

O primeiro reto será en casa do Majadahonda Afar4 FSF, undécimo (17 puntos) e que pechou a primeira volta con vitoria fronte a Leganés (3-2): «Vai ser un partido moi igualado. Xa nos demostraron aquí que pelexan moitísimo e na súa casa máis aínda, onde a todos os equipos lles custa moito gañar, e creo que vai ser un partido moi disputado», avisa a salmantina, co recordo do apertado marcador de 6-5 rexistrado no partido da primeira volta,

A expedición do Peixes Rubén-Burela pon rumbo esta mañá á capital de España con dúas ausencias na convocatoria: a moza Sofía, por lesión, e a xogadora portuguesa Sara Correia, por enfermidade.

Votación
0 votos

Bea Mateos: «Creo que este equipo ten que dar moito máis»