Lara e Jozi promoven o «show» burelista no partidazo da xornada

La Voz BURELA / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

«Hat-trick» da pichichi laranxa e exhibición de reflexos da porteira ante o Roldán: 4-0

25 novs 2017 . Actualizado ás 22:02 h.

Xa non hai dúbidas de que Lara é a guerreira burelista máis en forma cando se trata de perforar o marco contrario. E tampouco de que Jozi é unha das mellores porteiras da competición, senón a mellor. A pichichi do Peixes Rubén-Burela e a cérbera brasileira, co permiso de Cilene e Dany, tamén brillantes, inspiraron o show laranxa no partidazo da xornada. O baño ao Roldán permitirá ao cadro mariñán gozar dunha vacacións apracibles, acomodado no podio da clasificación e soñando con reconquistar o título da mellor liga do mundo de fútbol sala feminino, que se interrompe ata mediados de decembro polo Torneo IV Nacións, o Mundial oficioso.

As anfitrioas completaron un partido máis que bo. Só nos primeiros compases do segundo período falloulles o compás e perderon o rumbo. Durante o resto do compromiso deleitaron á inchada do Vista Alegre cun manual dinámico, alegre, ben estudado e cheo de variantes. Só se cumpriron 26 segundos e Bea Mateos xa efectuara dous remates contra a meta do Roldán.

Lara rompeu as táboas cunha volea á escuadra, fixo o 2-0 aproveitando un balón solto preto da área, e antes do descanso marcou Cilene grazas á perseveranza de Dany na presión. Na primeira metade, Jozi asinou dúas incribles paradas que permitiron ao Burela volver do descanso co partido case resolto. A meta brasileira volveu lucirse nas mellores chegadas do Roldán e Lara completou o seu hat-trick asistida por Dany.

Peixes Rubén-Burela: ?Jozi, Cilene, Bea Mateos, Tai Menezes, Dany -quinteto inicial-, Julia Forsiuk, Lara, Sara Correia e Judith

Roldán: Ana Etayo, Mayte Mateo, Miriam, Consu, Ángela -quinteto inicial-, Clara, InmaSojo, Bet e Marián

 Goles: 1-0, min 6: Lara. 2-0, min 15: Lara. 3-0, min 19: Cilene. 4-0, min 34: Lara.

 Árbitros: Salinas García e Amor Vizoso, do colexio galego. Amarelas para as locais Jozi e Tani Menezes, e para as visitantes Consu, Mayte Mate e Ángela.

 Incidencias: Máis de 400 persoas no Vista Alegre. Antes do partido, os dous equipos, xunto a directivos do club local e membros da corporación burelense, despregaron unha pancarta de rexeitamento á violencia de xénero.