As burelistas, a por o seu quinto triunfo seguido ante un rival en descenso

La Voz

A MariÑA

Álvaro Vaqueiro

Burela-Soto del Real, hoxe sábado ás 18.30 horas no Vista Alegre

11 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O equipo feminino do Peixes Rubén-Burela encara coas ausencias de Tai Menezes e Judith outro deses partidos propicios para perfeccionar a engrenaxe, afinar a puntería e engrosar a marcadora de puntos. O Soto del Real aterra no Vista Alegre (18.30 horas) con números máis que discretos e en busca dun milagre que o rescate das posicións de descenso e prive ao cadro mariñán de enlazar o seu quinto triunfo consecutivo. Dous empates nas tres primeiras xornadas foi o mellor botín conquistado ata o momento pola escuadra sotorrealeña.

«Independentemente da súa posición na táboa, sabemos que o Soto vén a Burela a por os tres puntos, así que non podemos relaxarnos. Está a custarnos arrincar nos partidos e trataremos que esta vez sexa diferente», sinala Dany, que ve ao seu equipo aínda en período de adaptación e cre que outra vitoria sería o reforzo anímico perfecto para o derbi galego da próxima semana ante o Poio. «Sairemos á pista para facer moitos goles e dedicarllos á afección, que nunca deixa de animarnos. Iso si, sen perder a calma; a paciencia será clave», engadiu a xogadora brasileira.

Sen Sofía nin Tai, Julio Delgado e Lucas disporán destas nove xogadoras: Jozi, Ana Romero , Cilene, Dany, Lara, Sara Correia, Bea Mateos, Sofía e Julia Forsiuk.