Feijoo advertiu en Ribadeo contra populismos e totalitarismos

José Francisco Alonso Quelle
josé alonso RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

Pepa Losada

«En España non hai presos políticos, hai algúns políticos presos», sinalou

04 novs 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Sobrio, pragmático, cunha aparente moderación sen marxe para as concesións, axustado como unha luva ao perfil do líder de centro dereita ante un panorama de actualidade convulsa. Era o que cabía agardar e así se mostrou onte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, en Ribadeo, na apertura dun novo ciclo dos Foros de Debate do Grupo Sargadelos e do GrupoVoar, que nesta ocasión aborda o tema «Ética e política».

Ante un auditorio que encheu o Salón Mariña do Voar, Feijoo centro a súa intervención en advertir sobre populismos e totalitarismos, sobre aqueles que substitúen a ética pola estética, e propugnou que as ideas hai que valoralas pola súa execución na práctica, isto é, polos resultados. «Aos políticos hainos que xulgar polos seus feitos, que se desprenden das súas idea, e non pola ideas que proclaman».

E el mesmo someteuse á proba do algodón. Preguntado polo público sobre a sanidade na Mariña, sentenciou: «Me remito aos feitos», aludindo á ampliación o hospital en marcha.

Cataluña tamén estivo presente no debate. Feijoo pasara no bico dos pés, pero desde o público preguntóuselle a súa opinión e se podería ter equivalencia en Galicia. Criticou ás Mareas e ao BNG pola súa postura en Cataluña e reprochou: «Os nacionalistas galegos teñen un sorprendente complexo de inferioridade, que é asumir como bo todo o que ocorre fora de Galicia a como malo todo o que os galegos votan en Galicia. Espero que isto serva de vacina para calquera movemento inconstitucional que poda haber en España nos próximos anos». Porque para Feijoo, «non hai presos políticos, senón algúns políticos que están presos».

Pero o tema era ética e política. E que debe reunir para Feijoo a política ética dun gobernante democrático do século XXI? Catro requisitos: atención aos acontecementos cambiantes; capacidade de anticipación para aproveitar as correntes positivas e minorar as negativas; tomar decisións, aínda que sexan impopulares, xa que a inacción do político é irresponsabilidade, e un esforzo de explicación ante a cidadanía.

Os próximos en asistir son Rosa Díez, Íñigo Errejón e Patxi López para tratar a actualidade

Os Foros do Voar son un luxo, unha boa ocasión para estar con políticos de primeiro nivel, que o son ou o foron, e tratar con eles temas de actualidade.

Se onte inaugurou os Foros o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, o vindeiro venres corresponderalle a quenda a Rosa Díez, unha política histórica do PSOE e logo fundadora de UPyD, portavoz que foi deste grupo no Congreso; ameazada por ETA (chegou a recibir un paquete bomba na súa casa); con experiencia no Goberno vasco, no Congreso e no Parlamento Europeo, será interesante escoitar a súa análise. Será o venres 10.

O venres 17 corresponderá a Íñigo Errejón falar nos Foros do Voar. Un dos fundadores de Podemos, agora está un tanto relegado tras as súas discrepancias con Pablo Iglesias .

Pechará a quenda dos Foros Patxi López, outro histórico do PSOE. Foi lehendakari, deputado, candidato a secretario xeral do PSOE nas últimas primarias do partido. Será o venres 24.

O Hotel Voar é o escenario de todos estes Foros, que son xa unha referencia entre os debates públicos que se organizan na Mariña lucense.