Julio Delgado: «Xa contabamos cun partido duro e igualado»

Ignacio Meitín Buján
I. MEITÍN BUJÁN BURELA / LA VOZ

A MariÑA

BENITO ORDOÑEZ

O técnico do Peixes Rubén-Burela feminino viu «momentos moi bos» do seu equipo ante o Gironella

17 oct 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A vitoria por 5-4 sobre o Gironella sóubolle a gloria ao adestrador do equipo feminino do Peixes Rubén-Burela. «Son tres puntos buenísimos», destacou Julio Delgado para abrir a súa rolda de prensa. «Hoxe -polo sábado- si que tivemos momentos moi bos. Xa contabamos cun partido tan duro e igualado, porque o Gironella é un bo equipo, e tivemos que tirar de todas as nosas armas para gañar», engadiu o preparador burelista.

O partido púxoselle costa arriba enseguida ao cadro mariñán e volveu pórllo feo despois cando o equipo catalán tomou de novo vantaxe, pero o marcador xa era favorable ás de casa (3-2) no intermedio do partido. Julio Delgado cre que a elección do xogo de cinco e o bo facer das súas xogadoras nesta situación resultou determinante para que o partido dese un xiro. «Elas estaban máis cómodas e algo había que cambiar. Fixémolo francamente ben», explicou Julio Delgado, quen insistiu unha vez máis na importancia da regularidade para non descolgarse das primeiras posicións. «A igualdade será a tónica xeral., afirmou Julio Delgado para dar por finalizado a súa análise e ofrecer as súas primeiras impresións sobre o derbi do sábado en Ourense. «Neste tipo de partidos hai que xogar con máis cabeza que en calquera outro», sentenciou.

O club ofrece por 14,50 euros a viaxe e a entrada ao partido na pista do As Burgas

Os seareiros burelistas con ganas de viaxar a Ourense para dar alento ao equipo feminino no derbi contra o Cidade das Burgas poderán facelo coa viaxe organizada polo club, a condición de que se cubran un mínimo de 30 prazas. O desprazamento e a entrada sairalle a cada afeccionado por só 14,50 euros. O bus sairía de Burela ás 16 horas e regresaría ao termo do partido, que comeza ás 19.30 horas. As inscricións hai que facelas nas oficinas do club.