Dous viveirenses de anuncio

Yolanda García Ramos
yolanda garcía VIVEIRO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

Protagonizan a próxima campaña publicitaria do centro comercial Marineda City

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

David Giz Cillero e Hugo Aja Veiga comparten bastante en común. Son de Viveiro. Son modelos a axencia New Model's. E son agora coprotagonistas da próxima campaña publicitaria de Marineda City, o centro comercial máis grande de Galicia. Segundo explican desde o mesmo, campaña «inspirada nos valores que transmiten os seus propios visitantes recreándoos a través de retratos con moita personalidade» na que saen máis modelos de diferentes idades. David e Hugo son dous mozos de anuncio, outra vez, pois non é a súa primeira incursión no mundo da imaxe, a publicidade e tamén a moda.

-Como valoran a oportunidade de representar a Marineda City?

-David: Xa o ano pasado fixese o cásting e non puido ser ao final. Pero este ano, si me chamaron... ¡Que ben! Porque en Galicia adoita haber pouco movemento no mundo da imaxe. Saen máis cousas en Madrid ou Barcelona.

-Hugo: Moi ben! É algo no que vin que podía haber unha saída mentres estaba apuntado ao paro e non tiña un traballo estable. Cando es unha persoa positiva, motívache facer cousas novas, diferentes. Con todo, como unha saída de futuro non o teño pensado. Véxoo paso a paso...

-Que estudaron ou estudan?

-D: Eu estou facendo o ciclo superior de Sistemas de Telecomunicación e Informáticos no CIFP Politécnico de Lugo. O ano que vén teño pensado facer Enxeñería Informática.

-H: Eu fixen dous ciclos superiores de Fotografía Artística e Administración e Finanzas, na Escola de Artes en Lugo e no IES María Sarmiento de Viveiro.

-Atráelles ou interesa o mundo relacionado coa imaxe?

-D: Si. Agora mesmo fágoo no meu tempo libre pero gustaríame poder seguir. Se pode ser en cousas máis grandes cada vez, mellor.

-H: Os estudos de fotografía déronme pé a todas estas cousas, é dicir, abríronme ao mundo da imaxe.

-Gustaríalles dedicarse profesionalmente como modelos?

-D: Eu primeiro dedicaríame á informática. Creo que é difícil chegar a vivir diso.

-H: Non é algo no que pense para vivir a vida. É difícil.

-Que outros traballos fixeron relacionados coa imaxe?

-D: Fixen unha campaña de Krack, firma de zapatos con marca propia. Onte [por antonte] estiven facendo un anuncio de Turespaña no Cebreiro (vai saír por todo o mundo para promocionar o turismo de España). Tamén fixen outro de turismo de Rías Baixas, da Deputación da Coruña, o de Ou bo camiño de Turgalicia en 2015, unha campaña da Óptica de Ana, en Viveiro un anuncio para a Casa do Batán, fun actor figurante para Alén Filmes en Hotel Almirante e para Voz Audiovisual en Serramoura e en Urxencia cero, modelo de fotografía para MDG Pneumáticos, para Eduardo Misa, para Bicoca Moda Home, para Carlos Fotógrafos, saín no anuncio do Plan de Emprego Xuvenil da Xunta...

-H: A través de New Model's. Fixen varias cousas grazas a Montse e Olga, que son xeniais e moi agradables. Coa Deputación de Lugo, para promover as distintas comarcas da provincia. Xa pola miña conta, figuración para a serie O final do camiño (saín no capitulo oito da última tempada... de raspallón), etcétera.

-Que concepto teñen da beleza? Axuda a xenética?

-D: Creo que se fixan en min ao ser louro e de ollos azuis. Por aquí hai moi poucos. O pelo louro vénme de parte de pai. Creo que a beleza é moi subxectiva.

-H: Se che miran por guapo ou non... eu non o sei. Gústame facer isto no sentido en que non me importa pintar comedia ante a cámara, gústame facer deporte e iso axuda a ter un corpo proporcionado... Tamén penso que a beleza é moi subxectiva. Por exemplo, o mozo do anuncio de Media Markt ten unha barba larguísima e se cadra alguén non di que sexa guapo. Igual unha marcha clásica busca o típico James Dean pero outra actual non. Eu prometo que vou ter ganas de traballar e dar o mellor de min.

-Desfilar en pasarela, atráelles?

-D: Eu fixen algo de pasarela. Desfilei en ExpoBoda en Lugo, pero non é o que máis me gusta. Gústame máis moda e fotografía.

-H: É algo que me gustaría facer. Non me desagrada o mundo da moda. De momento, non tiven posibilidade pero tampouco estou metido niso ao cento por cento.