Galicia e A Mariña perden a Cal Pardo, gran historiador da Igrexa

O deán da catedral de Mondoñedo faleceu no hospital de Burela aos 93 anos; o funeral será esta tarde na catedral mindoniense


MONDOÑEDO / LA VOZ

O deán da catedral de Mondoñedo, Enrique Cal Pardo, un dos grandes historiadores da Galicia do século XX e prelado de honra do Papa, faleceu onte no hospital de Burela, onde se atopaba ingresado tras unha operación cirúrxica da que non conseguiu recuperarse. Tiña 93 anos de idade.

Natural da parroquia viveirense de Galdo, formouse na Universidade de Comillas, tras ter sido seminarista en Mondoñedo (onde logo foi reitor). Historiador dun talento excepcional, ao que as xentes doutro tempo parecían falarlle día tras día, desvelándolle os seus segredos, a través das pedras labradas e dos pergamiños vellos, puido ter impulsado a súa carreira, no ámbito académico, en múltiples direccións, posto que gozou do máximo prestixio como investigador desde moi novo. Pero el elixiu regresar a Mondoñedo, onde viviu ininterrompidamente durante máis de 60 anos, e quedar alí para sempre. O seu foi un compromiso persoal cos pobres, con quen sofren, e coa Igrexa.

É autor do monumental «Episcopologio mindoniense», a obra magna da súa vida. Hai apenas uns meses publicaba o seu último libro sobre documentos do século XV e a figura do mariscal. Home moi querido e recoñecido.

De Enrique Cal Pardo, na web da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, recóllese esta reseña da súa vida e obra.

"Profesor de Teoloxía no Seminario Maior de Mondoñedo (Lugo) entre os anos 1946-1967. Profesor de Teoloxía no Instituto Teolóxico Compostelán (Santiago) entre os anos 1970 e 1992. Formador do Seminario de Mondoñedo (1946-1954). Reitor do Seminario de Mondoñedo (1956-1958). Cóengo Arquiveiro da Catedral de Mondoñedo desde 1953. Deán da Catedral de Mondoñedo desde 1979. Pro -Chanceler do obispado de Mondoñedo entre os anos 1958-1966. Director Diocesano do Apostolado da Oración (1958-1967).

Publicou os seguintes libros: O Mosteiro da Illa da Colleira, Madrid, 1983; O Mosteiro de S. Salvador de Pedroso, A Coruña, 1984; Synodicon Hispanum. I. Galicia (Constitucións Sinodales de Mondoñedo), Madrid, 1981; Regesta dos documentos medievais, escritos en pergamiño, do Arquivo da Catedral de Mondoñedo, Lugo, 1990; Mondoñedo - Catedral, Cidade, Obispado- no século XVI, Lugo, 1992; A música da Catedral de Mondoñedo, Lugo, 1996; Colección Diplomática Medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos, Santiago, 1999 e De Viveiro na Idade Media, 1992. Tamén escribiu extensos artigos sobre o Episcopologio Mindoniense.

É Licenciado en Teoloxía pola Universidade de Comillas-Santander (1946). Doutor en Teoloxía pola Universidade de Comillas-Madrid (1969). Medalla de Bronce de Galicia (1998).

En xuño de 2011 foi nomeado polo papa Prelado de Honra da súa Santidade".

O funeral

Onte as campás da catedral tocaron en memoria de don Enrique Cal Pardo, do mesmo xeito que as campás da igrexa parroquial de Galdo, en Viveiro, de onde era natural. 

Os funerais terán lugar esta tarde ás cinco na catedral; posteriormente recibirá sepultura nos claustros da propia seo mindoniense, da que era deán, que tan ben coñecía, preto dos restos dunha figura histórica que estudara a fondo, o mariscal. 

Desde o Concello de Mondoñedo a alcaldesa Elena Candia expresaba a súa pesar e eloxiaba a figura de Enrique Cal Pardo, Fillo Predilecto ademais de Mondoñedo, na súa memoria e como recoñecemento. Tamén desde o Concello de Viveiro a rexedora María Loureiro emitía unha nota de condolencia e pésame polo falecemento deste relixioso e intelectual natural da parroquia de Galdo. 

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Galicia e A Mariña perden a Cal Pardo, gran historiador da Igrexa