As claves para superar a síndrome postvacacional

redacción

Ao SOL

aa

Os síntomas máis claros son a fatiga e a dificultade para concentrarse

29 ago 2019 . Actualizado ás 09:02 h.

Fatiga, apatía, dificultade para concentrarse... Síntomas claros da síndrome postvacacional, unha condición que sofren o 37 % dos traballadores en España, segundo unha enquisa realizada por Adecco .

«A maioría das cousas que facemos na nosa vida, ata un 40 %, dicía o psicólogo William James, están baseadas en hábitos», expón Manuel Armayones, psicólogo e director de desenvolvemento do eHealth Center, centro de saúde dixital da Universitat Oberta de Catalunya (UOC). A rutina pode cansar, pero, tal e como adianta o experto, «permítenos ir en modo automático».

Cando chegan as vacacións, tamén ao principio, nalgunhas persoas aparecen dificultades de adaptación á nova rutina, aínda que sexa positiva. En realidade o que pasa tras elas é que nos adaptamos a unha rutina de verán e agora temos que romper con ela e volver á anterior».

Pode resultar difícil volver ás oficinas e postos de traballo, pero Armayones ofrece unha serie de consellos para que esta tarefa sexa o máis levadía posible.

O primeiro é adiantarse á volta: «Os últimos días de vacacións non pasa nada por volver conectarse paulatinamente, mirar o correo ou elaborar unha pequena planificación das actividades. Avanzar e sobre todo planificar un pouco a volta axudan a eliminar a incerteza e a ter unha sensación de control que permitirá levar mellor o día a día», explica o director de desenvolvemento do eLearn Center.

Ademais, propón que non se queira facer todo o traballo pendente dunha vez. «Hai que ir aos poucos», sinala.

Positivismo

Volver á oficina ten unha parte positiva. Entre outras cousas, significa «reencontrarnos con compañeiros cos que nos levamos ben e que nos permiten desenvolver a nosa faceta profesional», comenta o experto.

Para rematar sinala que é bo planificar o lecer para «non caer no vórtice da oficina e das chamadas de teléfono dun día para outro. Planifiquemos a primeira fin de semana despois de vacacións, teñamos metas a curto prazo, non perdamos a oportunidade de incorporar o lecer nas nosas vidas», conclúe Armayones.