«Estiven en Galicia e acordeime de ti»: cal é o suvenir estrela?

Ao SOL

ALBERTO LÓPEZ

Non hai turista que saia da nosa terra sen o seu correspondente imán

27 jul 2019 . Actualizado ás 15:16 h.

Un suvenir é, literalmente, un obxecto que serve como recordo da visita a algún lugar determinado. Quen logra volver de París sen a torre Eiffel estampada nunha camiseta, cunca ou caderno? É posible saír de Reino Unido sen o osito Teddy? Ou volver da Gran Mazá sen un «I Love NY» gravado nunha gorra? Os suvenires son unha parte máis de calquera viaxe, para regalar ou para conservar un mesmo. Desde que as teles son planas, as sevillanas perderon terreo e tampouco leva xa aquilo de «Estiven en Benidorm e acordeime de ti», pero as tendas de recordos seguen abarrotadas de turistas ansiosos de resumir as súas vacacións nunha figurita.

Que triunfa de Galicia entre os viaxeiros? «Todo o que teña frecha e cuncha leva o gato á auga. Iso non pode faltar na tenda. O que sexa, pero con eses símbolos», asegura Diego Castro, de Quintana Souvenirs en Santiago de Compostela. O obxecto estrela é, sen ningún tipo de dúbida, o imán. «Os turistas buscan algo sinxelo, pequeno e transportable», explica. Claro que estamos na capital galega, ao lado da Catedral, e os peregrinos entran e saen continuamente desta tenda. «Cóntannos os motivos polos que fan o Camiño. Desde a morte dunha filla, por amor, xente que está soa e busca relacionarse... É unha experiencia moi importante na súa vida e queren lembrala cun obxecto», conta Diego Castro. Quen son os que máis compran? «Este ano hai menos alemáns e máis orientais. China , Xapón, Indonesia... Son os que máis gastan xunto cos ingleses. Os franceses son un pouco máis agarrados», di entre risos.

XOAN A. ADOITAR

En Lugo, o suvenir estrela é outro. María Luisa, de Triskel Artesanía, pásase o día entre bruxas: «Todo o mundo quere levar unha bruxa da sorte». Pero non só levan o obxecto, tamén unha historia. «Sempre teñen moita curiosidade e explicámoslles que, en realidade, son meigas. Contámoslles que veñen da nosa época celta e que eran as sabias, as sanadoras, as que tiñan coñecemento. Tamén que, co tempo, as demonizaron. Agora é un símbolo de bo agoiro. Aos turistas chámalles moitísimo a atención», explica mentres vende máis dunha. Ás veces, compran sen saber o que levan, como un xaponés que se namorou dunha figura do Pórtico da Gloria, «Só lle gustou porque era bonito. Despois, o guía tívolle que explicar o que levaba de recordo, en realidade», di esta lucense que admite que os turistas que máis compran na súa tenda son os americanos, «os mellores».

E de Lugo ímonos a Vigo, ou non? «Hai unha confusión bastante xeneralizada e que chama moito a atención. Non un, nin dous, nin tres viñeron pedindo algo de Lugo como recordo. A nomenclatura non a teñen nada clara e confunden Vigo con Lugo», conta Fernando, de Mila Agasallos. Adiviñan que é o que máis se vende ? «Claro, o imán. Sobre todo, por prezo. Cambiou moito a forma de venda. Antes chegaban e compraban para uns e outros, unha cunca, unha camiseta... De todo e, en último lugar, collían un imán para complementar, pero agora, ese agasallo secundario converteuse no principal. O que adoito vender moito para a xente de Sudamérica son botas de viño e navallas».

MIGUEL VILLAR

En Ourense, tiran para o seu. «Temos unhas pezas con moito éxito dos entroidos. Peliqueiros e Pantallas, tanto en figura como en imán, que ademais facemos nós mesmos en Aixiña, unha asociación sen ánimo de lucro dedicada á atención de persoas discapacitadas», presume Ana María Fernández de Tenda Artesá.

PEDRO MACEIRA

Na Coruña, fan escala cruceristas despistados preguntando pola Catedral de Santiago, aínda que a protagonista é a Torre de Hércules. «Chegan a María Pita e nin sequera van ir a vela, pero lévanlla», conta Daniel, de Souvenir Breogán. «A maquinita de moedas é un clásico que non che imaxinas canto vende . Metes unha moeda de cinco céntimos e outra dun euro e devólveche a pequena gravada co monumento. Ata mas piden por correo», explica. «A última novidade son as bólas de Nadal como recordo do lugar. Levamos dous anos vendéndoas como churros. O que desapareceu é iso de "Estiven en... e acordeime de ti". O suvenir é moi clásico. Sempre que intento meter algo novo non hai xeito», confesa.