Covas, quilómetro cero do furancho

Ao SOL

martina miser

Unha aldea de Meaño concentra a maior porcentaxe destes locais por metro cadrado

31 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Son unha das alternativas gastronómicas galegas máis xenuínas. Algúns expertos na materia datan as súas orixes no século XIX. A fórmula é sinxela: unha propiedade privada con emparrados propios abre as portas para a venda do seu excedente de caldos. Para que os aldeáns os identifiquen, colocan unha rama de loureiro na entrada. Hoxe, no verán do 2018, os furanchos, ou loureiros, contan mesmo con recomendacións en TripAdvisor e páxina de Facebook.

Hainos en Betanzos, no Morrazo, no Barbanza, en Noia ou en Bembrive (Vigo). No Salnés, onde se concentra a maior produción de albariño de Galicia, a proporción é moi rechamante. En Cambados, Ribadumia, Meis, Sanxenxo ou Vilanova uno sempre atopará un. Con todo, é a aldea dun dos concellos desta comarca a que rompe todas as estatísticas. A falta dun censo oficial, só hai que prestarse a un experimento: conducir en Meaño a partir do mediodía ou despois das oito da tarde pola estrada da parroquia de Covas (para moitos, Cobas). Unha vía secundaria que non pode albergar nos días de verán máis coches aparcados por metro cadrado. No lugar da Aldea de Abaixo e arredores contabilízanse case unha vintena de locais. O viño servido en cuncas e as tapas de tortilla, luras, polbo, zorza ou raxo elaboradas de forma tradicional son as súas especialidades.

Geolocalizados

Aínda que no seu día o seu carácter rozando o clandestino mantíñaos afastados do foco, hoxe só hai que ir a Google para situalos. Estes locais tamén se modernizaron e contan con geolocalizador. Entre os máis populares están O Furancho de Anxo -cunha segunda planta chill out para tomar o café-; o de Marcos -coas estancias repartidas respectando a estrutura dos antigos cortellos-; A Roda, onde se pode comer baixo as vides; O Lar de Outeiro, cunha espectacular panorámica da ría de Arousa, como o de Vistas do Albariño, antes O Quirófano. Lareira do Vila, Roelo, O Bacelo de Mari ou o Furancho Gardenia son outros dos loureiros de Covas. Moi preto, noutra parroquia, Xil, esténdese a súa presenza.

Para poder abrir as súas portas nos meses de verán -a normativa da Xunta do 2012 só lles deixa estar abertos un máximo de tres meses durante a tempada, que empeza en decembro e acaba en xuño-, boa parte deles rexistráronse como restaurantes ou tabernas. O verán é a súa época forte. E aínda que legalmente algúns xa non consten como furanchos, o espírito permanece intacto.