Noxo de verán

isaac pedrouzo Ao FRESCO

Ao SOL

31 ago 2018 . Actualizado ás 08:13 h.

Adoita pasar sempre o 31 de agosto, ás veces o 1 de setembro, que me dou conta de todas as cousas que non fixen. Tamén de como sen querer convertinme nun tópico con pernas paseando alleo á miña condición.

Todo empeza en abril, cando tras a décimo segunda choiva torrencial suspiro: «¡A ver se chega o verán dunha maldita vez!». Pero, claro, o verán chega e non lembro as tardes en que as costas remata pegada de xeito furioso ao escay de mentira do sofá barato. Os cheiros a humanidade que se escurren polas paredes dos bares de copas e os viciosos mosquitos nocturnos, os que che avisan prepotentes e ás escuras zumbando na túa orella de que che van picar.

E eu aí, pasivo e inútil ante o cruel ataque.

O desexo de verán váiseme consumindo cada fin de semana de xullo en que maldigo ter cancelado cada visita ao ximnasio, cada vez que a pouca pel case fláccida da barriga e os peitos míranme tristes cando os escondo debaixo da camiseta, a mesma que tapa todos os pelos do embigo que xurei quitarme o pasado abril.

Mesmo prometín madrugar e facer deporte, pero en realidade era mentira, e o «este ano non, este ano é de verdade adiántame feroz pola dereita mirándome burlón polo rabillo do ollo. E debaixo da antuca a cervexa quéntase porque, unha vez máis, non fun ao chinés de ao lado de casa a comprar a neveira de praia. Tampouco o altofalante Bluetooth.

Así, sen darme conta, o 28 de agosto pido que me poñan o aire acondicionado no bar de abaixo e sorpréndome vencido polo verán que tanto desexei meses atrás, dicíndolle ao camareiro: «¡A ver se chega xa o inverno!».

E un día acábase a calor e dúas semanas despois só podo pensar: «Oxalá volva ser verán dunha maldita vez». Un tópico con pernas.