Lucía Martiño: «Gardo fotos de verán para os peores días de inverno»

Ao SOL

A surfeira profesional goza esta semana na praia de Pantín

29 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Lucía Martiño da Area (Xixón, 24 anos). O segundo apelido non lle pode ir mellor. De feito, herdouno da súa nai e foi ela a que lle comprou por Nadal a súa primeira táboa de surf, con apenas 10 anos. «Nese momento era como un xogo e cos anos funme enganchando», conta a asturiana, unha das participantes na proba do Pantín Classic. Onte caeu eliminada, pero iso non lle impide seguir gozando da praia valdoviñesa, unha das súas favoritas. Galicia é, precisamente, un dos destinos máis repetidos por Lucía, entre as poucas españolas na elite mundial.

-O surf pasou de ser un xogo a ser un dos amores da túa vida.

-[Sorrí] Si, creo que sen o surf non sería nada agora mesmo. Encántame estar en contacto coa auga e a natureza. Ademais, é un deporte que fai que che relaciones moito con outras culturas. En conxunto, toda a esencia do surf engancha moito e é unha forma de vida.

-Esa forma de vida é tan especial como parece?

-Si, aínda que tamén existe unha cara B que a xente talvez coñece menos. Nas redes sociais transmítese o surf como praia, cor, auga quente, ondas incribles..., pero en realidade é un deporte duro para os que competimos profesionalmente. No inverno custa moito ir ao mar cando hai 5 graos fose e 8 graos na auga. Iso non se ve.

-Pero a cara A vale a pena, non?

-¡Claro! Sempre hai unha recompensa, de viaxar, surfear en sitios incribles, coñecer xente....

-E de todos os sitios nos que estiveches, con cal quedas?

-Encántame Indonesia, polas ondas, porque sempre que fun resultaron incribles. E como país en si, pola relación de ondas, xente, paisaxes e cousas para facer, quedo co Salvador. Gústame toda Centroamérica, pero este país en concreto encántame. Alí hai moita aventura.

-Con tantas viaxes, sobraranche fotos para subir ás redes...

-Si, a verdade é que cando estou de viaxe teño demasiadas fotos para poder subir e sempre me paro a escoller a mellor. Iso si, tamén gardo algunhas de arquivo para cando chegan os peores días de inverno, nos que estou en casa e non me podo sacar fotos incribles [ri]. Ademais, é que non temos orzamento para un fotógrafo que nos faga imaxes de acción, así que nos conformamos coas de fóra da auga, por iso subimos tantas de lifestyle .

-Tes 69.300 seguidores e moitos che etiquetan como «influencer». Que che parece?

-É que as redes sociais son moi importantes para o noso deporte. Hai moitas marcas privadas que non teñen que ver co surf e apóiannos pola nosa imaxe. E grazas a elas podemos viaxar. Ademais, encántame transmitir á xente a esencia do noso deporte e dar a coñecer novos lugares.

-E Galicia?

-Sempre me encantou, é espectacular e ten moitas praias para surfear. Ademais, con menos masificación e iguais condicións que noutras partes do mundo. Somos de aquí e non nos damos conta do que temos en Asturias ou en Galicia.

-Con que recunchos quedas?

-Na praia de Pantín, por exemplo, estou encantada. Outro dos meus sitios preferidos é a praia de Doniños, en Ferrol. E toda a costa de Vigo e Nigrán. ¡Ah! E hai que dicir que a comida é a mellor do mundo coa de Asturias.

-Entón, recomenda un deses manxares, para rematar.

-O polbo á galega é o meu prato preferido. Tamén as zamburiñas e as vieiras. Aconsello comer o marraxo do Quilowatt de Cedeira. E todo o que hai na Taberna do Puntal, en Vilarrube (Valdoviño), que esta semana temos alí tres reservas [ri].