Que non, que non cambie nunca

Ao SOL

CESAR TOIMIL

Xoel López descubriu «Soños e pan» e revisou himnos en Ferrol

28 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Resgardouse, cos seus músicos, entre bambalinas. Pero a praza de Amboage, en silencio nese momento, sabía que habería un pouco máis de Xoel López para gozar. Así que, as luces volvéronse a acender e, como moitos agardaban, empezou a repetir Que non unha e outra vez. Ese regreso a Deluxe foi a penúltima mostra de poderío do coruñés en Ferrol, antes de pechar con outro clásico, De pedras e area mollada, e deixar un sabor de boca inmellorable. Ninguén se agardaba que fose diferente, porque Xoel en directo multiplica ao que se escoita en Spotify . E diso teñen gran parte de culpa a súa banda. Charlie Bautista, Lola García Garrido, Alice Wonder, Adrián Seijas e Adrián Bartol. Uns auténticos virtuosos que malgastaron complicidade no escenario. A eles engadiuse o produtor Juan de Dios Martín, ao que o público agradeceu o seu traballo.

Xa facía tempo que Xoel non estaba tan preto da súa casa, así que sentiu o concerto máis seu que nunca. É, sin duda, un tío que llo pasa ben aí arriba. Ata os temas máis coñecidos parece que os está interpretando por primeira vez. Como Terra, un dos que todo o mundo agarda. Ameazou durante un bo intre co primeiro acorde e cando rasgó as cordas, as caras de ilusión iluminaron Ferrol. Porque moitos dos presentes, vindeiros estivais, cantan todo o ano iso de «eu soñaba cada día poder acadar a praia».

Antes e despois deste tema, que exerceu de ecuador do recital, o coruñés quixo mostrar o cambio que pegou nos últimos meses con Soños e pan. Saíron a relucir seis temas deste último traballo, que ensina unha versión máis íntima de Xoel. Sobre as táboas, con este disco, mostra, ademais do seu interior, o poderío da mestura musical. E, hai que repetilo, grazas aos pedazo de músicos. Ademais, tamén se deixa ver o Xoel galego, con Serpes e A serea e ou mariñeiro. Lección tras lección para crear un agasallo para os oídos.

Amboage non estivo máis cheo que nunca, pero para o que si serviu o concerto, que abandeirou o domingo das Festas de Ferrol, foi para demostrar que os cantautores ao aire libre son puro espectáculo. Xoel, sexa onde sexa, o é, porque as súas cancións xa son himnos para moitos. E para os que o viron por primeira vez e apenas o coñecían, o artista coruñés acabou sendo unha sorpresa. Nunca está de máis levarlla gratis e en directo. Para que ninguén máis diga «que non, que non, que non» coñece a Xoel.