A romaría de San Roque vive unha segunda mocidade en Viveiro

Ao SOL

Xaime Ramallal

Nesta festa conviven os romeus fieis á misa e a procesión do santo coas cuadrillas máis novas que soben ao monte a rematar a esmorga nocturna

17 ago 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

Case todas as festas teñen altos e baixos, e podería dicirse que a romaría de San Roque en Viveiro está nun momento álxido porque vive unha segunda mocidade despois duns anos de bajón. No día grande das patronais, a pé ou en coche, decenas de familias e centos novos subiron entre a madrugada e as primeiras horas da mañá de onte ata a cima dun monte que brinda a quen o visita unha das mellores vistas de Galicia: a do val e a desembocadura do río Landro no mar Cantábrico. «Parece que volve subir moita xente, que se está recuperando o espírito da festa», razoaba un habitual mentres colocaba sobre unha mesa do merendeiro da paraxe natural termos de chocolate, churros e galletas para o almorzo máis campestre do ano. Hai algo máis dunha década, despois de que se prohibisen acampar, a mocidade optou por empezar e acabar a marcha nos pubs de Viveiro, sen subir ao monte a última hora, e a romaría viviu uns anos de decadencia. Con todo, o espírito familiar mantivo viva a chama xa que grupos de avós, pais e netos seguiron subindo. «Pero agora volve estar moi ben, vólvense ver moitas caras novas», comentou un grupo «de naturais e achegados» de Viveiro que, a pesar de vivir espallados entre Lugo, A Coruña, Madrid, Alcorcón..., cada agosto retornan á cidade do Landro para gozar das vacacións.

E é que no San Roque de Viveiro hai espazo e chocolate con churros para todos: para os romeus que son fieis á misa e á procesión do santo ao redor da capela, pero tamén para quen soben ao monte para rematar a festa nocturna comendo un bocadillo de criollo tombados sobre unha manta.