O Camiño de Inverno faise no verán

Ao SOL

ROI FERNÁNDEZ

A ruta alternativa ao Camiño Francés cumpre dous anos como itinerario oficial. O bo tempo invita a perderse en calquera das súas etapas

17 ago 2018 . Actualizado ás 19:14 h.

Cada verán que pasa bate marcas de viaxeiros pero, por difícil que pareza, a ruta xacobea ata Santiago aínda garda un gran e belo segredo. É o Camiño de Inverno, transitado desde hai séculos polos primeiros peregrinos e oficial só desde hai dous anos, cando se incluíu na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia. Para os que gusten dunha experiencia sen masificacións, fiel ás esencias e por un das mellores paisaxes da comunidade, esta é a alternativa.

As súas orixes remóntanse ao nacemento da propia peregrinación. «Descubriron que era unha alternativa máis accesible en inverno aos tramos do Camiño Francés que van polo Cebreiro, moi duros pola neve. Desde xeito, dende Ponferrada enfilaban pola comarca de Valdeorras nunha cota máis baixa, seguían ata entrar en Lugo por Quiroga, ían pola Ribeira Sacra e enlazaban coa vía da Prata, que viña por Ourense, en Lalín», explica Aida Menéndez, presidenta da Asociación do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra. Fai vinte anos que comezaron a loitar por un recoñecemento que cumpre este verán o seu segundo aniversario como parte da ruta xacobea. «En 1999 tivemos a primeira reunión cun comité de expertos», detalla Menéndez, que escribiu un libro, traducido tamén ao inglés, sobre o Camiño de Inverno. «Outro motivo para desviarse por aquí é que no Bierzo sempre había risco de sufrir as enchentes dos ríos. Pola Ribeira Sacra había pontes máis resistentes, son acuedutos romanos», subliña.

Paisaxes e patrimonio

A ruta son 263 quilómetros de percorrido que se poden dividir en sete etapas desde Ponferrada ata Lalín. Aquí son outros 45 quilómetros pola vía da Prata que se completan en dúas xornadas. Discorre paralelo a catro ríos distintos: o Sil, o Lor, o Cabe e o Miño. Non hai outro camiño xacobeo que se estenda tantos quilómetros ao longo do curso dun río. Uns 70 acompañados do Sil. Pasa por un enclave patrimonio da humanidade pola Unesco, as Medulas, e por outro que podería selo, a Ribeira Sacra. Ademais dos canóns do Sil e dos viñedos en bancales da ribeira do Miño, aquí atópase a segunda concentración máis importante do románico de Europa. Ao longo da viaxe atravésanse tres denominacións de orixe de viño: Bierzo, Valdeorras e Ribeira Sacra. É nesta última onde está a única adega a pé do camiño, Vía Romana. Obsequian cunha copa do seu viño aos peregrinos, que tamén poden selar aquí a súa credencial. En Belesar, Quinta Sacra cruza coa súa zódiac o Miño para que pasen dun lado a outro e continúen a senda.

As vistas son un dos seus maiores alicientes. «Son impresionantes. Todos quedan marabillados. Sempre digo que este é o gran descoñecido do Camiño. Dende o alto de monte Faro, en Chantada, obsérvanse as catro provincias galegas», describe Menéndez.

O outono, a primavera e o verán son, curiosamente, as mellores épocas para contemplar o esplendor do Camiño de Inverno polas súas cores grazas á floración e á follas tidas de ocres e vermellos dos viñedos. Os peros, que aínda adoece de infraestruturas na súa curta vida como ruta oficial. «Precisamos máis albergues, unha sede e centro de interpretación en Monforte e apoio das institucións», enumera Menéndez.

Nos primeiros sete meses do ano foron 443 os peregrinos que pasaron por aquí, 71 máis que o ano pasado. O boca a boca e as redes son claves na súa divulgación. Ten un peso discreto no total de peregrinos que selan a compostela. Apenas son o 1%. Hándicap ou vantaxe, segundo o que se persiga.

A única adega a pé do camiño

En Vía Romana invitan a un viño aos peregrinos e selan credencial.

Onde durmir

Cristina González

Casa do Romualdo recolle e leva aos peregrinos ao camiño. Hai opcións para todos os petos. Pazo As Casas, Casa Vilamor ou Torre Vilariño son algunhas.