O segredo do pobo que revive no verán

Ao SOL

ROI FERNÁNDEZ

O retorno dos que emigraron rexuvenece a aldea da Ferreirúa, en Lugo

15 ago 2019 . Actualizado ás 11:21 h.

Así como a Lúa exerce a súa atracción sobre os lobishomes nos contos, o Sol devolve a vida a moitas aldeas do interior aletargadas polo despoboamento no presente. A calor non só envía hordas de turistas ás praias, no rural algo se coce estes días. «Chegamos a cuadriplicar poboación este mes», conta Susana Bayo. Ela é unha das que volve a casa cada verán. Á súa aldea, A Ferreirúa, no concello lucense da Pobra do Brollón (1.752 censados). «Quero que a miña filla sinta isto, a liberdade do campo», subliña Susana. Os risos dos nenos resoan nos camiños onde no inverno só pasean xubilados. O pobo é outro en agosto. «No grupo de casas onde teño a miña só está habitada unha todo o ano. É moi triste ver as persianas baixadas», recoñece Bayo, que traballa como física no campus de Ourense. 

Unha aldea en WhatsApp.

A Ferreirúa teñen uns 120 veciños, segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística. José Luis Parada, presidente da comunidade de montes, fai os seus propios cálculos. «Temos 71 vivendas. Abertas todo o ano só 29. O 90 % estamos retirados», comenta. O seu fillo estuda enxeñería en Vigo. Parada non se engana, «non creo que volva para quedar». O caso desta parroquia non é excepcional. Na listaxe de concellos galegos que máis ven crecer o seu censo en época estival, só catro do top 10 son destinos turísticos de costa. O resto son localidades interiores ás que retornan, puntuais cada agosto, os seus emigrantes. A maioría dos concellos cun desfasamento estacional superior ao 15 % están en Ourense. «Temos un grupo de WhatsApp no que estamos practicamente tódolos veciños. Tamén os que vimos pasar as vacacións. Para min isto é o meu resort rural», di sorrindo Susana.

Hai un compoñente que fai especial a esta aldea. «Estamos todos moi unidos», destaca Susana. Os maiores invernan con impaciencia pola enerxía que destilan os mozos que revolucionan os seus días de estío. Organizan competicións culinarias e encontros gastronómicos, como Cociñan vos novos, pagan vos vellos; concursos de fotografía -co hashtag #Ferreirua2018-; talleres ambientais de reciclaxe ou cambio climático; noites de mojitos na piscina; marchas en bicicleta; torneos de fútbol, dominou, tenis ou de xogos na auga. E, o máis importante, traballan en grupo para coidar A Ferreirúa. «A semana pasada recollemos 150 quilos de lixo que había polas estradas e campos», destaca Susana. «A verdade é que os novos se involucran moito», admite Parada.

José Luis defende que, para que os mozos regresen, é imprescindible envorcarse niso. «Desde o ano 90 todo o que recadamos na comunidade de montes non se reparte entre os propietarios, senón que vai para inversións públicas na aldea. Por iso temos un local social na antiga escola, unha piscina e unha pista polideportiva», detalla. «Hoxe dormen na miña casa trece persoas, entre irmáns, sobriños e primos... O patio está cheo de nenos, é un shock ver aquí tanta xente nova», confesa Susana dá casa do Chelo, como a coñecen na Ferreirúa. «A batalla do interior está perdida. Pero hai que seguir loitando». Di que falta «conciencia» á hora de valorar a importancia que ten o rural. «A miña filla ten só catro anos, chora sempre cando marchamos e pregunta cando volveremos», conclúe contenta Susana.

As claves

Poboación

Das 71 casas da Ferreirúa, 29 están habitadas todo o ano. Na parroquia están censadas unhas 120 persoas.

Concellos turísticos

Ademais de clásicos como Sanxenxo, entre os 47 municipios turísticos están Leiro ou A Veiga.

Efecto verán

A maioría dos concellos que incrementan máis dun 15 % a súa poboación no verán están en Ourense.