Trucos para vivir (e gozar) do medievo en Ribadavia

Ao SOL

Antonio Cortés

A primeira norma é vestir ao estilo medieval, así poderá entrar nas zonas restrinxidas unicamente aos que van acordes á vez que se recrea

25 ago 2017 . Actualizado ás 09:58 h.

A capital do Ribeiro vive desde este venres o seu particular salto no tempo: a Festadá Istoria . É a recreación da vida nesta vila ourensá nos convulsos anos nos que a convivencia pacífica de dúas culturas -a cristiá e a xudía-, estaba a piques de chegar ao seu fin. A cita permite gozar da sensación dunha inmersión real no medievo, con rúas e prazas do centro histórico coidadosamente ambientadas e máis de medio centenar de actividades que permiten desde asistir a unha voda xudía que segue o rito tradicional da época, ata gozar de torneos medievais dacabalo, cetrería, esgrima, tiro con arco, bailes, música, mercados, espectáculos de lumes e malabares, gastronomía..

Precisamente o esmero na organización provoca tamén que sexan decenas de miles as persoas que cada ano acoden a esta festa, o que non sempre é cómodo para os non iniciados. Para gozala hai catro craves fundamentais. A primeira, vestir ao estilo medieval. Así poderá entrar nas zonas restrinxidas unicamente aos que van acordes á vez que se recrea e conseguir fotos realmente incribles sen rastro de modernidade. A segunda: acuda hoxe. Mañá será o día grande e a multitude impediralle gozar da imaxe da vila ambientada en todo o seu esplendor. Se non pode ou prefire cinguir a visita ao sábado, é imprescindible madrugar. Só así atopará aparcadoiro nalgunha das zonas habilitadas antes do espectacular desfile dos veciños. E a última: fágase cun programa (ten web propia) e elixa o que quere ver. Seralle imposible acudir a todas as citas.