A pesar de que son de divertirme cunha facilidade que a algúns lle doe, as miñas citas favoritas son as festas de pobo, aquelas onde o bar da comisión só ten que preocuparse de manter a todo o persoal ben hidratado, as orquestras non levan luces de cores e un entra a beber en casas alleas de xente descoñecida. Estiven na festa definitiva o día en que me chamaron para pór música nunha voda á entrada de Monforte. Estaba exposta de tal modo que de non ser polo ramo, as paxarelas e os berros inteligibles que trataban de dicir «vivan os noivos», ninguén apostaría a que aquilo fora unha unión matrimonial. Xusto ao lado da estrada xeral unha especie de desfiladeiro repleto de carballos facía de fronteira xusta para que os condutores non nos visen ao pasar e non escoitasen o alboroto que os elevalunas eléctricos non deixaban entrar. Todo era normal. Polbo, empanada, algúns petiscos de deseño moderno e moito vermú durante o aperitivo amenizado por un cuarteto de septuaxenarios versionando cancións de Julio Iglesias e que os maiores agradecían bailando en parella un ritual estraño de apareamiento. O padriño agarrou o micrófono tras rematar a sobremesa ofrecendo un discurso eterno e emotivo que erizase a pel. Vin como a un neno lle empezou a saír bigote agardando que aquel señor -que volveu emitir dous discursos máis facéndome quitar a música de súpeto- acabase. Así, entre Raffaella Carrá e Sopa de Caracol chegou a noite. Notei como un cheiro a queimado achegábase polas miñas costas. Vin aos máis valentes subir aquel desfiladeiro intentando apagar coas súas chaquetas de traxe caro unhas chamas que lles daban pola cintura. Un petardo mal xestionado. Apaguei a música case con medo e un dos meus pés a piques de saír correndo. Poucos minutos despois conseguiron reducilo e evitar a desgraza e o titular nos xornais. O pai da noiva achegouse. Pediume tembloroso que picase un par de horas máis -a cambio dunha cantidade xenerosa de diñeiro que nunca me chegou- para tratar de que o lume non fose o legado a transmitir. Aceptei, e tras unha palmada nas costas dixo: «E agora pon A Grellada e queima a pista de baile». Esas festas.