Existe a alerxia á praia?

Ao SOL

EDUARDO PEREZ

A época estival favorece o aumento de certas reaccións sobre a pel

19 jul 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Se é dos que recorre a esta desculpa para evitar pór os pés sobre a area, mellor que vaia buscando outro pretexto. Nin picor, nin bochas, nin febre. Pasar un día na praia coa familia, a priori, non traerá ningunha consecuencia para a túa saúde. Os alergólogos confirman que a alerxia á praia non existe. Aínda que si que hai determinadas patoloxías que se desencadean de xeito especial durante os meses de verán. Os expertos destacan as seguintes alerxias:

Ao frío

Augas frías do Atlántico. A urticaria por frío aparece ao exporse a baixas temperaturas, por exemplo, despois de darse un mergullo nas praias da nosa costa bañadas polo Atlántico. Pero non só se produce por inmersión, tamén pode aparecer esta reacción por lavarse con auga fría ou inxerir alimentos fríos. «No Caribe ou no Mediterráneo non teñen este problema, pero aquí si, sobre todo no verán. Non ten que ser repentina, pódense notar síntomas previamente, como picor ao tomar xeo ou unha ducha en auga fría», explica Charo López Rico, alergóloga do Chuac

Ao sol

Diferentes reaccións da pel. Como consecuencia da exposición solar poden aparecer varios tipos de reaccións. Aínda que todos se engloben dentro de «alerxia ao sol», hai que distinguir entre unha erupción polifórmica lumínica (que son uns eritemas que adoitan aparecer a principios de verán en zonas como o escote, nocellos ou bonecas, sobre todo en mulleres, e que mellora con protección e exposición progresiva) e a urticaria ao sol (que son as ronchas que producen unha determinada lonxitude de onda) . A segunda, de forma minoritaria, require valoración por parte dun especialista. 

Á crema solar

Sensibilidade. Pode aparecer tamén nesta época estival en persoas sensibles a algún dos compoñentes dos protectores. 

Ao pole

Polo bo tempo. Trátase dunha alerxia típica da primavera e principios de verán. «Como en Galicia poliniza máis tarde, as persoas que o sofren poden verse afectadas os meses de maio, xuño ou xullo», explica a doutora López Rico. 

Aos insectos

Diferentes graos. No verán aumenta o tempo de exposición ao aire libre e por iso a incidencia de picaduras de insectos. Estas poden producir desde unha inflamación local a unha reacción sistemática.