Patrocinado por Patrocinadopor

A Feira de Sementes e Plantón Ecolóxicos de Levoso reunirá o 5 de maio preto de corenta postos

La Voz

AGRICULTURA

rober amado

19 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

A Fundación Galicia Verde programou para o domingo día 5 de maio a novena edición da súa Feira de Sementes e Plantón Ecolóxicos. Celebrarase na contorna das instalacións do colectivo na localidade de Levoso, na parroquia de Quintillán (Forcarei).

Segundo explica a organizadora do certame, Mabel Rivera, nesta ocasión a feira tivo que posporse respecto ao calendario habitual para evitar a coincidencia co domingo de Pascua -unha data na que moita xente está fóra- e coa xornada das eleccións xerais. O 5 de maio, a partir das 11.00 horas, comezarán a chegar a Levoso postos de venda de artigos de todo tipo relacionados coa agricultura ecolóxica e coa vida sa en xeral. O certame -que aspira a manterse como unha feira pequena na contorna da sede da Fundación- está a chegar ao tope da súa capacidade. O ano pasado acolleu 32 postos de venda. Este ano a cifra total roldará os 37 ou 38. Haberá venda de sementes autóctonas cultivadas pola Fundación Galicia Verde para preservar a agricultura ancestral da zona. Tamén se venderán plantón de diversas especies vexetais, con cultivos sempre en ecolóxico, e plantas medicinais de todo tipo.

Nesta ocasión incrementarase a presenza de produtos afíns á filosofía da Fundación. Haberá chapeus e bolsos fabricados artesanalmente a partir da palla do trigo ou centeo, venda de terra compostada ou exhibición e información sobre xardíns verticais, que permiten pór un pouco de verde ata nos espazos máis reducidos. Tamén se poderán comprar plantas de aloe beira ou literatura de divulgación sobre agricultura ecolóxica ou consumo responsables, da editorial Ir Indo.

No apartado culinario, a feira contará cunha ampla oferta de produtos veganos, vexetarianos e ecolóxicos e un posto de venda de cervexas artesás. No entanto, tratándose dunha feira de pobo, tampouco podía faltar o servizo de pulpería, para os amantes dos menús máis tradicionais.