Patrocinado por Patrocinadopor

Narón, escaparate das últimas novidades do sector agrícola

J. CORRAL NARÓN

AGRICULTURA

CÉSAR TOIMIL

A feira multisectorial reunirá postos de venda e exposición durante toda a fin de semana no recinto do Trece

13 abr 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

No calendario de feiras e mercados de Narón esta fin de semana aparece marcado en vermello. O recinto do Trece acolle unha nova entrega do encontro multisectorial agrícola, unha feira na que o municipio reivindica a importancia do mundo rural. E así, durante dúas xornadas, a parroquia de Sedes convértese en punto de encontro de agricultores de toda a comarca.

A décima edición da feira, organizada polo goberno de Marián Ferreiro, contará con medio centenar de postos de venda de distintos produtos, que permanecerán abertos entre as 11 e as 14 horas e pola tarde desde as 16 ata as 20 horas.

Anota a edila de Mercados, Mar Gómez, que a entrada ao recinto será totalmente gratuíta e que as persoas que se acheguen ao Trece recibirán unha rifa coa que participarán nos sorteos de distintos agasallos que se realizarán ao longo dos dous días do encontro. E así poderán optar a gañar algúns dos produtos que estarán á venda no encontro.

Os asistentes á feira multisectorial poderán adquirir produtos ecolóxicos, artesáns, antigüidades, artigos de coiro, plantas ornamentais e de horta, árbores froiteiras e mesmo produtos alimentarios.

Demostracións

O outro alicerce do encontro naronés será a exposición de novidades no ámbito da maquinaria agrícola, de xardinería e forestal, tendo ocasión os interesados en asistir a demostracións do funcionamento dalgunhas das máquinas presentadas.

A maiores do apartado expositor, tanto o sábado como o domingo haberá talleres infantís. Unhas actividades gratuítas coas que o Concello quere implicar aos nenos, e explicarlles como realizar algunhas plantacións.

Sinala Gómez que «será un espazo lúdico para que se divirtan e aprendan algunhas nocións básicas de agricultura e máis de decoración». Así, un grupo de monitores encargaranse de mostrarlles aos máis pequenos da casa desde como crear un xardín ecolóxico e fabricar cadros de flores naturais ata xogos infantís de toda a vida.

Gastronomía

Finalmente, cabe anotar que, como complemento á feira e para que as familias poidan pasar toda a xornada na contorna do Trece, haberá tamén distintos postos gastronómicos con polbo, churrasco ou bolos preñados. E para amenizar o mediodía, un grupo musical actuará na sesión vermú hoxe e de mañá.