Patrocinado por Patrocinadopor

Jomabe, cincuenta anos de historia

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGRICULTURA

miguel souto

A empresa, dedicada á venda e reparación de apeiros agrícolas, celebra mañá unha xornada de portas

05 dic 2018 . Actualizado ás 05:00 h.

«Trato próximo e personalizado foi o que tentamos facer nestes cincuenta anos, e séguese». Así resume José Fernández Buján a filosofía empresarial que caracteriza a Jomabe, desde a súa óptica de fundador deste taller lalinense dedicado á venda e reparación de maquinaria agrícola que mañá celebrará unha xornada de portas abertas para conmemorar con amigos e clientes cinco décadas de existencia.

Co vento otoñal do ano 1968 arrincaba este proxecto empresarial, rememora José Fernández Buján a alma máter desta iniciativa, na rúa do Rodo, «na Casa do Carreira, cunhas ferramentas que mercamos meu irmán Belisario e mais eu». Os dous irmáns Fernández Buján, xunto a Manuel García Fernández lideraron unha travesía empresarial que se tornaría en Sociedade Limitada en 1975 nunha nova localización, que se mantén aínda na actualidade, na Rúa Areal. «Meu irmán Belisario só estivo na empresa uns tres anos pero Manuel seguiu ata a súa xubilación», lembra o fundador de Jomabe que xa deixou en mans do seu fillo Vidal as rendas do negocio familiar, «dende hai dez anos». A reparación de maquinaria agrícola e coches, compra-venda de apeiros novos e usados centra desde os seus comezos a actividade da empresa, que viviu os anos dourados da transformación agrícola.

«Despachábase tanta maquinaria que non dabamos feito. No ano 80, por exemplo, vendemos 16 tractores novos, e logo a maiores os usados. Foron anos de moita saída de tractores, empacadoras, remolques... Non había nada e mesmo fixemos de financeira, porque os clientes se non tiñan os cartos o que non querían era ir aos bancos». Con emoción lembra José anos de bonanza pero tamén de moito traballo «e de noites sen durmir dándolle voltas ás cousas»; por exemplo adaptar as empacadoras aos camiños estreitos, «e conseguín finalmente elaborar un sistema para colocalas en vertical». Tornero de profesión, con aprendizaxe en mecánica da man de Jaime González e en Talleres Guerra, José mesmo formou a un bo puñado de mozos mecánicos da comarca. Centrados na agricultura e «intentando ser os primeiros en dar servizo, con novas marcas e tecnoloxía punteira» segue escribíndose a historia de Jomabe.