Patrocinado por Patrocinadopor

Rúas e tramos

María Elena Hermida TRIBUNA PÚBLICA

AGRICULTURA

28 sep 2018 . Actualizado ás 14:16 h.

Existe unha rúa en Monforte cuxo cualificativo non me resulta doado definir, talvez porque dela tan só coñezo o penúltimo tramo que, por certo, desemboca na gasolineira mellor aproveitada que vin durante a miña xa longa vida, pois non só fornece de gasolina senón que, empregando un novo sistema, tamén abastece nada menos que de leite do día. «Aquí hai leite fresco», anúnciannos ante os nosos admirados ollos e, en efecto, comprobamos que non nos toman o pelo, pois de inmediato imos buscar unha botella que conseguimos encher ata o tope do delicioso produto que, naturalmente, procuramos consumir canto antes tras a elaboración dun exquisito arroz con leite.

E apuntei máis arriba que non me resulta nada doado definir de forma precisa e significativa devandito tramo pois, á vez que por el entraba o matrimonio formado por don Pedro de Castro e Andrade e dona Catalina da Porca e Sandoval, sétimos condes de Lemos, unha vez abandonada a Corte de Madrid para descansar no seu palacio monfortino, existían folgados locais como depósito dos apeiros de labranza e yuntas de mulas e cabalos dos terratenientes.

Resultado: un tramo que se nos antolla tan atractivo como suxestivo. Un tramo que nos invita a vivir e a gozar da Galicia máis típica e arcaica en contraste con outra moderna de cemento frío e gris que non nos di nada. Quedamos coa Galicia de sempre, coas súas balconadas de carballo ou de castiñeiro. Aínda que, iso si, agradaríanos que se mantivesen limpas e restauradas e, por que non, tamén engalanadas cunhas cantas floridas macetas ou algún acio colgante de brillantes e puídas mazorcas de millo que nos transportan ás nosas mellores épocas.

Cun pouco de esforzo e, sobre todo, con amor e cariño -cariño é máis galego-, podemos conservar esa Galicia nosa e un Monforte cuxa rúa do Conde no seu penúltimo tramo evócanos tantas cousas.

E non quero deixar no tinteiro o máis importante. Creo que establecer un límite de velocidade para coches e motos non sería mala idea. Xa sabemos que o diaño as arma en calquera momento e non debemos deixarlle o paso libre nin conformarnos con pensar simplemente que todo o que sucede «é cousa do demo».