Patrocinado por Patrocinadopor

O complicado que resulta dicirlle a un avó de 90 anos que abandone a súa casa

TANIA TABOADA LUGO / LA VOZ

AGRICULTURA

CARLOS CASTRO

Os gardas da SIR foron os encargados de cortar estradas, desaloxar casas e trasladar aos veciños

17 oct 2017 . Actualizado ás 09:50 h.

Cervantes é un dos municipios da montaña lucense cunha alta porcentaxe de poboación envellecida. A maioría das casas están habitadas por oriúndos da zona que contraeron matrimonio con persoas de pobos máis ou menos veciños. Xuntos, con moito sacrificio, foron construíndo as súas casas á vez que criaban aos seus fillos. A agricultura e gandería foi o seu principal método de subsistencia e hoxe é máis que unha necesidade, un entretemento para ter eses produtos de casa que con tanto mimo cultivan.

Pois ben, non é doado imaxinarse a tesitura seguinte: aldeáns de alí de toda a vida, agora con máis de oitenta anos, os esforzos que pasaron, os seus animais que agora son o seu principal entretemento... Ter que comunicarlles, ás toas, que abandonen a súa casa porque o lume os está cercando e corren perigo de arder. O labor é complicada porque, entre o caos e o susto da noticia, á xente maior cústalle aceptalo. Pois este traballo de desaloxo por prevención tivérono que facer na madrugada de onte os membros da sección de intervención rápida da Garda Civil. Contaron tamén co Seprona e algunha patrulla de Seguridade Cidadá. Ademais de cortar vías e de protexer aos automobilistas ao ritmo do lume, foron os que porta por porta trasladaban a peor noticia: o desaloxo.

Un ximnasio habilitado para acoller aos desaloxados

O concello de Becerreá deu onte unha boa mostra de solidariedade. Tras saber que veciños de varias aldeas de Cervantes serían desaloxados, o GES non agardou nin un minuto en actuar. Varios voluntarios, algunha embarazada, habilitaron o ximnasio do colexio para acoller aos afectados. Prepararon colchóns, mantas e comida. Chegaron dous veciños de San Martín de Cereixido, que horas máis tarde se foron.