Patrocinado por Patrocinadopor

O Portus Apostoli baixo a Mitra compostelá

XERARDO AGRAFOXO

AGRICULTURA

CEDIDA

Os veciños da vila víronse obrigados a pagar numerosos impostos

29 sep 2017 . Actualizado ás 11:04 h.

A absorción progresiva das terras de Noia por parte da Mitra provocou que os veciños tivesen que pagar numerosos impostos. Os que se abonaban relacionados coa guerra eran tres: Fonsado (obriga de presentarse armados cando fose necesario), fonsadeira (tributo que pagaban algunhas persoas que non podían ir á guerra) e anubda (obriga de reparar os castelos e fortalezas dos arcebispos).

Para axudarlles aos señores a coidar as súas terras, que lles foran cedidas para controlar e colonizar o territorio, estableceuse a facendeira, polo cal o vasalo se comprometía a un día de axuda nas tarefas agrícolas.

Tres impostos indicaban o poderío do señorío sobre as persoas: goisa (tributo que se satisfacía cando a un súbdito lle nacía un fillo), ossa (pagábase con cabezas de gando cando casaba un fregués) e luctuosa (impúñase ao morrer un vasalo). Tamén existía a benefeyturía (cantidade a aboar pola protección que os veciños recibían dos señores de Santiago) e o yantar ou obriga de darlles alimento ao arcebispo e ao seu séquito cando visitaban a zona.

Cinco tributos

Para que non houbese dúbidas sobre o poder da Mitra sobre as terras baixo o seu dominio, houbo cinco tributos: Fumalga (canon que se pagaba pola casa e finca que se explotaban), mañería (as terras dos que morrían sen sucesión pasaban ao señor feudal), montazgo (tributo por coller leña nos montes do señorío), herbático (imposto por recoller herba e pastar nos campos da Igrexa xacobea) e portádego (gravame polo emprego de montes ou camiños públicos).

Amais do señorío que exercía a Mitra, a mesa arcebispal recibía unha boa parte das percepcións da Facenda Real e relacionadas co Portus Apostoli: as dezmas ou dézimas do mar era a taxa dun 10 % sobre as mercadorías que entraban e saían del; os dereitos de carga ou descarga dos xéneros nacionais consistían nunha peza ou parte da carga desprazada; os cambos ou cantidade de peixes que os mariñeiros pagaban de cada barco que traían ao peirao. Polo mesmo motivo conceptuábanse os quebrazos ou restos dos naufraxios na costa próxima.

Impostos da Coroa

No sistema impositivo dependente da Coroa estaban tamén os servizos (cantidade fixada e cobrada cun carácter extraordinario para financiar os exércitos), as alcavalas (gravame do 10% sobre os intercambios de todo tipo de bens comerciais e pagadas por todos os veciños, clérigos e fidalgos) e as dezmas de sal (relacionadas cos ingresos dos alfolís controlados polo fisco real para que se respectasen os prezos e o subministro).

Para administraren as súas propiedades, a Mitra escollía un mordomo (hominem archiepiscopi), nomeaba o xuíz, máxima autoridade dos prelados na vila, os xustizas ou alcaldes (que eran dous e saían dos seis representantes da burguesía ou cobrados) e outros funcionarios da administración.

Malia este control, a vila medrou mentres Compostela se transformaba grazas a cinco motivos: ser meta de peregrinos, actuar como cabeza do señorío máis importante de Galicia, ter un mercado a onde acudían os produtos da súa área de influencia, situarse como centro financeiro dados os seus cuantiosos recursos, e converterse o Apóstolo Santiago en Patroni nostri et totius orbis.