«Unha obsesión impídeme parar ata que teño o guión»

La Voz

VIGO

Tras estrear o seu cuarto curto, este vigués é todo un «home orquestra» do cine

30 may 2008 . Actualizado ás 11:52 h.

David Pardo leva un ritmo de vida frenético. Polas mañás dá clases de montaxe na Escola de Imaxe e Son en Lugo e polas tardes traballa como operador de vídeo en San Marcos, na sede da TVG nos arredores de Santiago. Aínda así, este vigués de 27 anos atopa un oco para conseguir plasmar as ideas e guións que se lle ocorren en curtametraxes.

Esta semana David estreou a súa cuarta curtametraxe, Canción sen emoción , unha historia que narra, a través as vivencias dunha nova xornalista que prefire soñar a enfrontarse á realidade, as inquietudes da mocidade e a loita para conseguir unha vivenda, un traballo e unha parella. Tardaron un ano e medio en acabalo porque para rodar só tiñan tempo as fins de semana e para montar este mozo vigués tiña que quitarlle horas ao soño ou agardar ao sábado e o domingo. «Había veces que deixaba a medias un efecto o domingo e aínda que estaba derrotado o xoves xa non podía aguantar e púñame a facelo ao chegar de traballar», recueda David.

A súa paixón polas curtametraxes é algo mesmo obsesivo. Non é capaz de gozar das súas producións cando están rematadas. Cando acaba o proceso creativo dun curto empezan xa a xurdir novas ideas na súa cabeza. Case enlaza un proxecto co seguinte. «É algo que deberían estudar os psicólogos porque xorde unha especie de obsesión que non me deixa parar ata que teño o guión enfilado» De feito, acaba de estrear un curto e xa ten unha nova idea rodando pola súa mente. Aínda que sabe que non vai aguantar moito tempo o ritmo de vida que leva xa se expón rodala no verán. Terá de novo que converterse no home orquestra do cine e ademais de guionista, director e montador tamén terá que realizar, non con tanto pracer, labores de produción e distribución. Para iso xa deu os seus primeiros pasos para profesionalizar a súa traxectoria e creou a produtora Sétimo Ceo que agarda que aos poucos se consolide como empresa e permítalle ter ocos cada vez máis amplos para a súa faceta creativa.