Festa cun pouco de «rockabilly» para celebrar o debut discográfico

La Voz

SANTIAGO

25 feb 2010 . Actualizado ás 02:00 h.

Rock and roll de corte clásico, un pouso de swing , outro pouco de blues e outro de rockabilly son os ingredientes do cóctel musical elaborado polos composteláns Dr. Gringo que montarán unha auténtica festa cos seus amigos músicos co gallo da presentación do seu primeiro disco, de título homónimo, no espazo da SGAE.

Formado a finais do ano 2007, Dr. Gringo intégrano Javi Tornado, á batería; o actor galego Xacobo Prieto, baixo e voces; e Martín Esturao, guitarra e voz. Tras moitos avatares esta formación compostelá ve realizado o seu obxectivo de editar un disco que leva o selo de Miña Terra Galega Produccions. Un cedé que, comentaba onte na súa presentación Martín Esturao, supuxo medio ano de elaboración.

Esturao non dubida de que hoxe vivirán unha gran festa en Arteria Noroeste para dar a coñecer os temas do disco. Na celebración participarán tamén algúns dos amigos de Dr. Gringo que colaboraron no traballo como Miguel Costas, de Sinistro Total, Tonhito de Poi, actual líder do proxecto Rasa Loba, ou Luis Queimada, un histórico da música galega, quen para o guitarrista de Dr. Gringo é a «reencarnación de Paul McCartney en Galicia, que fai unhas voces incribles».