A produtora Contacontos estrea no Moderno o curto «Xan, a despedida»

La Voz LA VOZ | PONTEVEDRA

PONTEVEDRA

CONTACONTOS PRODUCCIÓNS

21 jun 2007 . Actualizado ás 07:00 h.

?l Café Moderno está hoxe do trinque. E é que no salón de actos da sede da Fundación Caixa Galicia acolle ás 20.30 horas a presentación da curtametraxe galega Xan, a despedida, realizado pola produtora Contacontos e dirixido por José Luis Martínez Díaz. A entrada a este acto é libre. O filme, que se enmarca no xénero de drama sobrenatural, ten como punto de partida o regreso do protagonista, Xan, ao seu pobo, despois dun longo tempo de ausencia. A medida que a noticia da súa volta vaise coñecendo entre os seus veciños, aumenta a tensión entre os protagonistas da historia, especialmente Beto e Cosme. No caso deste último, precisamente os seus enfrontamentos con Xan foron o detonante da súa marcha. Reparto O papel do protagonista encárnao Marcos Correa, mentres que a repartición se completa co actor pontevedrés Xulio Abonjo, José María Tanas, Vanessa Sotelo, José Antonio Giráldez, Marta Villar, Javier González García e Lucinda Barcia. A rodaxe realizouse integramente na aldea de Toutón, na localidade de Mondariz e o equipo destaca a colaboración dos veciños, «que estaban aí tanto para actuar como para botar unha man na construción do decorado ou para traernos unha vaca». Xan, a despedida, que ten unha duración de trece minutos e cuxo guión corre a cargo de Manuel Alvariño, foi financiada con capital privado.