O reino das empanadillas

YES

M.MORALEJO

27 may 2017 . Actualizado ás 16:44 h.

Afirmalo de forma categórica entraña os seus riscos. Pero vou asumilo. O sur de Galicia é moito máis empanadillero que o norte. É dicir, resulta habitual ver empanadillas no expositor de tapas de bares e mesóns de Vigo e non tanto en establecementos da Coruña. Como en todo, hai excepcións, por exemplo o bar A Lámpada da coruñesa rúa da Galera, un dos locais de referencia en Galicia. Séguea ofrecendo (a empanadilla), aínda que moita xente pensa que non. «É que só as temos pola tarde. Facemos a masa de 4 a 6 e acábanse nun dicir amén. Non hai moitos locais que as fagan porque son moi traballosas», apunta Diana Bar, propietaria deste negocio lendario. Algo similar ocorre en panaderías e pastelerías do norte e do sur da comunidade. Inesquecibles son as de Rufino, no centro de Vigo, que pechou fai xa algúns anos e que ofrecía dúas modalidades, unha delas hojaldrada. Ou as do bar Carballo, sempre esponxosas. Exposto todo isto parece evidente que para atopar o reino das empanadillas debemos situarnos no sur de Galicia, en concreto na rúa López Mora de Vigo, onde teñen en carta ata de 40 tipos diferentes. «A estrela é a de pito, champiñóns e queixo parmesano. É a líder indiscutible en vendas. A que tamén está a ter moito éxito é unha para veganos que ideamos fai un ano e que leva mozarela fresca, tomate natural e alfabaca», destaca Ana Terzado, propietaria da Tapa do Barril, un negocio familiar fundado polos seus pais en 1972.

«Ao principio eramos O Barril a secas, pero máis adiante cambiamos ao actual porque a tapa mítica do mesón era xa a empanadilla», lembra Ana, unha muller crave nesta historia. «De nena comía fatal e á miña nai ocorréuselle facer empanadillas con distintos recheos para que comese un pouco de todo. Como era tan mala comedora chegaron á conclusión de que se eu as devoraba o mesmo farían os clientes», lembra sobre as orixes desta tradición iniciada polos seus proxenitores, Manuel Luis Terzado e Lidia Raposo. Na carta hai máis cousas, como croquetas ou tortilla de pataca, e Ana cóntame que van retomar a elaboración de empanadas e que acaban de pechar un acordo cunha granxa da Estrada para comprarlles toda a produción de ovos. «Hai xente que vén comer ao mediodía e temos que ofrecerlles algo máis. Hoxe [falamos o martes], por exemplo, que fai moita calor, preparamos ensaladilla rusa», informa desde este orixinal local que só abre de luns a venres. «Cando era pequena os meus pais pechaban os sábados para poder facer recados comigo. E como o domingo esta zona queda moi solitaria, empezamos a pechar as fins de semana».

CONDIMENTOS INDIOS

Confesa que hai algunhas que saíron da ocorrencia ou suxestión de clientes. «Por exemplo una de curri, mazá e pito. E o outro día veu un estudante Erasmus procedente de Sri Lanka que nos dixo que había unha empanadilla no seu país moi típica e igual anímome a facela. Leva condimentos indios, pataca, verdura... Teño que perfeccionar a receita», comenta riseira. Como esta semana comecei un réxime que agardo seguir de xeito estrito está a custarme un esforzo tremendo escribir baixo a imaxe que lles mostro. E é que recoñezo que unha boa empanadilla é unha das miñas debilidades. As máis económicas, as clásicas de bonito, carne ou pito, saen a 1,65 e as máis caras, como a de lagostino, nata e champiñóns, ou a de zamburiñas con crema de queixo, a 2,95. Coa fame que teño váleme calquera.