E o jumping a ritmo de muiñeira foi viral

YES

Xaime Ramallal

«PETÁRONO» NA REDE. No Facebook de La Voz, a homenaxe do ximnasio Salga 5 de Viveiro polo Día das Letras Galegas superou o medio millón de reproducións. Como se lles ocorreu?

27 may 2017 . Actualizado ás 10:32 h.

Mércores. 17 de maio de 2017. Día das Letras Galegas. O meu Whatsapp non di nin pío. Terá collido o festivo rexional. Eu non. No grupo do ximnasio entra vídeo. Como outros que grava Lorena Díaz, responsable da Sala 5 Fitness & Benestar de Viveiro, sen máis intención que mostrar como axuda a pórse en forma. Ante a cámara, alumnas de jumping . Sobre camas elásticas fan unha coreografía vestidas con mallas e camiseta, pano á cabeza, mandil á cintura e calzando deportivas. De fondo, soa GZ, remix de hai 15 anos de DJ Goro dun clasicazo de Fuxan Os Ventos. Chunda chunda enxebre. Contrasta a mestura de fitness e o «sementar sementarei...» de banda sonora. ¡Pensaba que o viu toda nesta vida despois dos calcetíns con sandalias! Pero velaquí unha forma orixinal e simpática de celebrar as queridas Letras Galegas. Que o mundo se decate. La Voz de Galicia sobe ao seu Facebook. «Se, se, total permiso -responde Lorena- pero igual non ten calidade». Foi suficiente. DJ Goro tamén as etiqueta, aplaudindo a iniciativa. A mecha dixital prendeu... Lumeeeee!!!!

E CHEGOU O BUM DIXITAL

Á hora do lanzamento superaba 15.000 reproducións, ás 18 as 300.000 e hai unha semana medio millón. Máis cifras ao escribir esta reportaxe: case 8.000 likes, case 11.000 veces compartido e case 600 comentarios. Algúns: «As mozas hanllo currao», «Que forma tan chula de celebrar o Día das Letras», «Isto hai que probalo», «Para cando unhas clases?», «Xa non tes escusa para ir ao gym», «Que guapada!», «Á próxima uno heavy»... Outros reivindicaban facer o mesmo coa sardana, a xota asturiana ou as sevillanas. Pero foron as galegas as pioneiras, que conste en acta.

Co dixital veu o bum mediático. Ao día seguinte, a monitora estaba atafegada polas chamadas de teles, radios, prensa... O seu vídeo pechou Noticias Catro, despois dos Deportes e un plano de Cristiano Ronaldo cun xesto de aprobación. Sería porque tamén lle molou o «insuperable» jumping... a ritmo de muiñeira? Á próxima consúltollo a CR7, fixo.

Coas augas xa máis acougadas, Lorena Díaz reflexiona: «Se sei que vai ter tanto éxito gravaríao mellor». “Hai só un ano xusto xusto que metín jumping pero tamén facemos cousas co zumba e co kangoo jump en días especiais por Nadal, Halloween... ou cando me dá unha arroutada. Pero agora xa teño medo!», recoñece. Cal é a clave de que o vídeo se fixese viral?: «En Galicia tampouco está moi expandido ou jumping e se lle metes este remix que mola moito... non sei, sería un conxunto de todo». Ou a morriña galega desbordada nese día crave. «Pois debía ser!», sorrí. «Eses días eu estiven dous nervios pero bo, está ben vivir unha experiencia así», comenta. En canto á preparación da exitosa sesión: «Pensamos que podiamos levar algo característico e eu dixen que zocas non, que ao mellor torciamos vos pés». Ri. «Mamaíñaaaa!!», exclama ao lembrarlle o abafador volume das visualizaciones (o pasado martes rozando as 570.000). O devandito vídeo debeu chegar a cada recuncho do mundo onde había un galego... e quen sabe se á lúa tamén, como a canción.

Toca falar coas protagonistas tras acadar a gloria con 1 minuto e 22 segundos no que o dan todo e lanzan o mandil ao aire como broche. «Nunca pensei que fose ter tanta repercusión pero alégrome moito. Para min é un recoñecemento ao traballo diario de Lorena tamén. Creo que tivo éxito porque era ou Día das Letras Galegas, a mestura de folk e jumping. Era unha homenaxe», sinala Rocío Fernández, viveirense como Merce Sánchez, quen comenta: «Isto foi incrible». «Vimos a jumping a pasalo ben e saír do abafo rutineiro», di. «Iso si, fóra de aquí de Galicia algún debeu pensar que esta era unha nova forma de facer deporte», ri. «¡Nunca pensei saír na tele despois de Cristiano Ronaldo!», chancea.

A ver que se lles ocorre a próxima vez. «Sementar, sementarei...».