Chámome así por ti

T. TABOADA / A. ABELENDA / E. GARCÍA E P. PORTABALES

YES

ANGEL MANSO

SE DIS O seu NOME... SOA UNHA CANCIÓN Arriba os vinilos e os vellos éxitos, que nos enchen de orgullo ¡e inspiración! Esta Noelia débelle o seu nome a Nino Bravo, Tamara aos Tamara e Anduriña á nena que un día voou. Ata temos a Heidi, que baixou dos seus Alpes á praia. Avoíño, dime túúúú... quen me puxo esta canción?

18 mares 2017 . Actualizado ás 12:50 h.

Dime o teu nome... e fareiche raíña dun xardín de rosas. Que bo principio é unha canción. Este reportema vai de nomes soados, que algúns mira que soan unha e outra vez. Noelia Noelia Noelia Noelia Noeliaaaa está aquí por Nino Bravo. Tamara, porque o seu avó materno, Federico, aos Tamara coñeceu. Anduriña é nada menos que filla» de Juan e Junior e, se Eva María se foi, a quen atopamos buscando o sol na praia? ¡A Heidi! Sen Néboa, sen avoíño e sen cabras pero voando envolta na canción da tele ao fresco vento de Riazor.

ANGEL MANSO

UNHA HEIDI ANIMADA

Non é feliz porque viva nas montañas co seu avoíño. Tampouco está rodeada de flores e animais como Néboa, Copito de Neve, Blanquita, Diana ou Pichín. Nin o seu mellor amigo chámase Pedro. O único que ten en común esta venezolana, fincada na Coruña desde hai 20 anos, con aquela nena feliz de coloretes que sempre ía descalza é o nome. Foron os seus pais quen decidiron bautizala así pola súa paixón por estes debuxos animados (os primeiros, os dos 70. Heidi González Durán ten hoxe 40 anos e cando abandonou o seu país natal para mudarse á Coruña custoulle moito debido ao seu nome. A xente tomáballo a guasa. «Eu estou moi orgullosa do meu nome pero os meus achegados non tanto. Tiña dous curmáns en León aos que lles daba vergoña presentarme aos seus amigos e dicir que me chamaba Heidi. Mesmo chegaron a cambiarme o nome e puxéronme Patricia», conta esta muller, que, nunha chiscadela aos seus pais, actualmente pon os debuxos de Heidi ás súas fillas, Bárbara e Valentina.

Heidi González é autónoma nunha empresa de distribución de material de perforación. En principio, os seus clientes como a maior parte da xente tomábase o seu nome a pitorreo. «A xente preguntábame cal era o meu nome de verdade. E pola noite, cando saía de marcha, o tema xa era terrible. A xente que coñecía pensaba que lle estaba mentindo e vacilábaos», lembra esta venezolana que orgullosa está de chamarse Heidi.

ANGEL MANSO

TAMARA E PUCHO BOEDO

Eu lembro aquel día que nos fomos bañar... no río aqueeel. Ollo, non o que canta Miguel Ríos con paixón. Senón o Tambre, o mesmo que nun mapa antigo de Galicia verás como Tamara. O río fluíu, soou a pop con garra e deu nome ao grupo mítico que nos 70 cantaba con Pucho Boedo: «A Santiago vou ligerito caaaaminando...». Por máis que soe a música e a reivindicación de raíces, a Tamara nunca acabou de gustarlle o seu nome. «Preferiría Lucía, que é o que os meus pais me querían pór»... e nese caso non, non pola canción de Serrat, nin pola de Miguel Ríos. «O meu avó materno, Federico, estaba alucinado cos Tamara e empeñouse».

Toda a familia, salvo un, quería que se chamase Lucía. «De feito chámome Lucía Tamara, pero o meu avó era moi amigo de Pucho Boedo e ao final a miña nai tivo ese detalle con el. Trataron de chamarme Lucía durante anos...», pero por empeño de avó Tamara venceu. «El era moi reivindicativo con Galicia. Á súa casa chamouna Ceive». Con uve, de Voar, outra canción. Tamara Rodríguez Yuste, para máis acenos, ten historia e non se libra da música. «Primeiro foi polos Tamara... despois pola Tamara de Non cambiei, Non cambiei -conta cun humor longo en paciencia-. Que mira que me vacilaron coa canción... Uf, que tortura, dixéronme ‘Non cambiei, non cambiei' polo menos un millón de veces...». É que a música, como o riso, é moi contaxiosa.

PEPA LOSADA

DE NOELIAAA A AnduriÑA

Na miña casa, sendo unha nena, soaban Nino Bravo e Plácido Domingo

a partes iguais. O primeiro volve a min con Noelia. Noelia, Noelia, Noelia, Noeeeliaaa... A mesma canción que a viveirense Noelia Casavella (Ourol, 1980) escoita algunha vez cando se atopa con coñecidos (aínda que, supoño, non cantarán como o Bravo): «Si que moitas veces entro nun sitio e a xente que ten confianza comigo en vez do saúdo dinme Noelia, Noelia, Noelia... Xa non o cantan, tararéxano». A realidade é que o seu nome deriva precisamente dun dos temas centrais do artista cuxa carreira musical truncou aos seus 28 anos un accidente en 1973 e do que era seguidora a nai de Noelia, Toñita: «Miña nai cando traballaba nunha panadaría escoitaba a Nino Bravo. Daquela era moi tradicional que os nomes os escollesen as madriñas pero miña nai non lle deixou á miña, Aurora, porque dixo que se algún día viña unha filla xa tiña o nome pensado, que ía ser Noelia». A Noelia sempre lle gustou o seu nome. «O que non me gusta é poñerlle o mesmo nome dos pais aos fillos», di. A súa pequena, de 5 anos, chámase Laura pero, aviso, nada ten que ver coa Laura foise, Laura non está... de Nek (nin coa lady Laura de Roberto Carlos). Aínda que naceu en 1980, Noelia sabe que Nino Bravo era todo un fenómeno musical da balada romántica nos 70. «A min gústame Nino Bravo, como cantaba e as súas cancións»... tanto como a Karra Elejalde en 100 metros. Cando naceu a súa filla, Noelia tívoo claro e optou por un nome «atemporal», aínda que recoñece que ter unha canción «propia» mola. Eu, que escribo parte desta reportaxe, teño a miña, Eternamente Yolanda, de Pablo Milanés. Tápense os oídos, por favor...

Marcos Míguez

En Galicia un día naceu María Anduriña García Durán. Foi no hospital Materno da Coruña hai 39 anos. Esta vella historia non a escoitei nun café, contouma esta muller á que lle custou moitos anos asumir a realidade do seu nome. «As miñas amigas eran Vanesas, Paulas… De pequena non me gustaba nada, pasábao fatal. Non entendía por que mo puxeron. Mesmo houbo unha época na que só utilizaba o María», lembra. Esa nena non se escapou do poboo pero si que reaccionou de malo xeito cando os Reis Magos lle trouxeron un single do éxito de Juan e Junior no que se inspiraron os seus proxenitores. «Consérvoo, pero raiado. Raieino a propósito», rememora. Pero cos anos descubriu que o do nome orixinal non era do todo malo. «Asumino cando xa tiña a idade do ligoteo e vin que podía dar pé para establecer conversación e romper o xeo para achegarme ao mozo que me gustaba», fala e sorrime. Anduriña chamárona, e voou. «En 1993 fómonos co meu pai a Malaisia por motivos de traballo e cada vez que pasabamos un control de aduanas parábannos polo pasaporte. De feito prometín que o día que tivese unha filla poríalle un nome internacional». Cumpriu, a súa pequena chámase Mónica. «Buff», responde cando lle pregunto cantas veces cantáronlle o tema. A pesar de todo «aínda a día de hoxe non ma sei enteira, quedou o complexo de pequena», di esta muller á que un día Anduriña García chamárona.