Xosé Touriñán: «Cando me chamaron apertóuseme o cuíño un pouco»

YES

Roberto-Vilanova

«El Club de la Comedia» xa sabe o que vale. Touriñán acaba de debutar cun monólogo sobre os galegos no que nos retratou do mellor xeito. A súa chegada prometía. «Chamábanme 'Choché', e eu dicíalles: 'Sabedes Shakira?', pois pronúnciase así»

14 ene 2017 . Actualizado ás 10:53 h.

«Ao principio pensei: ‘que fago eu aquí’?», confesa Xosé Touriñán lembrando o momento no que chegou a El Club de la Comedia para dar o seu primeiro monólogo. E vaia se pintaba. Hoxe conta que está recibindo moitísimo cariño e que os galegos, o eixo sobre o que xirou a súa actuación, transmítenlle un punto de orgullo porque o seu humor teña chegado a Madrid. Oito minutos de ouro que lle pasaron voando, non como nos ensaios previos. «Aí si que pasaron superlentos».

-Todo o mundo fala de ti. Que se nota despois de participar en «El Club de la Comedia»? Percibes o impacto?

-A repercusión foi tremenda, e nas redes tamén, polo menos en Galicia. Aquí a verdade e que me chegou cariño a moreas, e notouse moito.

-E iso que cando chegaches ao programa chamábante de todo menos Xosé.

-Si, foi certo, e segue sendo certo cando vas alí. O de Xosé cústalles un pouco. Non sei, era Cheché, Choché... Ata que lles dixen: «Shakira? Pois pronúnciase igual». Nunca me chamaron ben, o mellor é que me chamen Jose ou Touriñán.

-Esta é a primeira vez que viches como funciona o programa por dentro?

-A nivel nacional estiven soamente dúas veces en Ilustres Ignorantes, que ao final son as catedrais do humor nacional. En El Club de la Comedia foi a primeira vez. Que a un tipo que a nivel nacional non coñece ninguén o chamen para isto pois... ben, é un pracer. Sentes un pouco de responsabilidade, de isto que se aperta o cuíño así un pouco, non sabes? Pero guai, a experiencia foi moi boa. Ao principio tiña algo de ‘que pinto eu aquí?’ Non sei, ninguén me coñece e non teño un espectáculo como para ir a xirar por España facendo monólogos. Despois contáronme compañeiros que está supercotizado ir a El Club de la Comedia porque é un gran escaparate. Incluso a resposta do público, non pensei que era para tanto.

-Do público galego tamén, e iso que fixeches chistes sobre nós.

- Estou moi contento porque en Galicia, e sobre todo co humor, valoramos moi pouco o que facemos desde o punto de vista de que o humor de aquí pensamos que non se entende fóra. E a nós fíxonos moita graza, pero eu penso que a eles tamén, a todo o mundo. Aínda que o meu humor é mil veces mellor en galego porque é o idioma no que penso e no que son máis rápido para sacarlle punta ás cousas. Hai tópicos en cousas que contei pero porque era a miña presentación, e estou moi orgulloso de onde son, do acento que teño e de facer humor desde Galicia. E quería que iso se vira tamén alí.

 

-Escribiches o monólogo especificamente para o programa?

-Pois a verdade é que estiven escribindo cousas específicas, pero ó final contei cousas que conto habitualmente nos meus monólogos e con Nucha e Mucha.

-Foron oito minutos rápidos?

- Moi rápidos, os que se me fixeron moi lentos foron os do ensaio, porque non hai público, nin risas nin aplausos... Ata lles pedía: ‘por favor, non me aplaudades porque se non non me da tempo a contar todo».

-Algunha vez esqueciches a letra?

- A veces si, pero en silencio nunca quedei. Fago como os cantantes: lalala... e sigo ja, ja. Tamén curramos moito coa improvisación para ter algo ao que agarrarte mentres non che volve a letra á cabeza.

-Esta camisa da foto é a mesma que a de «El Club de la Comedia». É a da sorte ou coincidiu?

- Pois é a camisa da miña primeira vez alí. Eu sempre fixen espectáculo de personaxe, non de min. Pero como foi a que usei alí, gústame. E ata ten un toque co que teño algo que ver, así alegre. Parece caribeña, pero é galega tamén ha, ha.

-Tampoco quitas os rizos.

- Cortaríaos en calquera momento por un proxecto importante de traballo. Tíveno curto, tinguido de branco cando o Depor gañou a liga, con melena... Pero agora si que xa é unha marca persoal. É máis que a camisa, a camisa acaba de chegar, pero o pelo intento mantelo.

-É certo que es un toxo?

-Si, serio, arisco... O de toxo defíneme bastante no meu día a día. De feito sempre digo: «O da simpatía teño que gardalo para cando me paguen». Si que son bastante toxo. Habería que preguntarllo aos meus dous pequechos e á miña muller. Na casa do ferreiro, coitelo de pau.

-En que máis cousas estás agora?

-Estou en Land Rober e ademais con teatro, con monólogos. Agora teño xira co meu personaxe Manolo Lojo, tamén co Monólogo do Imbécil e estaremos ata marzo ou abril con Amigos ata a morte. Tamén preparamos os quince anos de Mucha e Nucha. Mucha segue co seu mandilón de sempre e co mesmo pano na cabeza. Resisten como o primeiro día.

-E cando volveremos verte en «El Club de la Comedia»?

-Non o sei, nin si vou a estar. A min dixéronme que quedaron moi contentos e que me volverían a chamar. A ver, estou encantadísimo, pero non é algo que me quite o sono.