O peso do pasado

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas O ÁTICO

VIGO CIDADE

15 jun 2017 . Actualizado ás 08:03 h.

Talvez habería que exporse incluír obrigatoriamente nas diferentes administracións públicas a figura do historiador xa que son tantos os paralelismo co pasado que habería que saber sacarlle partido á hora de buscar solucións de futuro. En Vigo, polo menos, esa situación repítese continuamente.

O arqueólogo Adolfo Fernández, que apurou os seus métodos de traballo os últimos días para rexistrar o maior número de datos no xacemento de Sobreira, lembrábanos que Vigo foi fai case dous mil anos un potente foco da industrial de salgadura, que estaba enfocada cara á exportación. Imos, o que volveu ocorrer a partir do século XIX, e quen sabe se no futuro volverá suceder.

Ata case mediados do século XIX, quen pretendese viaxar por estrada cara a Madrid, non quedaba máis remedio que ir por Santiago e Lugo, para enfilar despois cara ao Bierzo. Algo similar ocorreu co ferrocarril posteriormente. Os vigueses, nos primeiros tempos do tren, perdían menos tempo por Portugal que por Ourense se querían ir a Madrid. Así que xa hai dous espellos onde analizar a ameaza actual da chegada da alta velocidade a través de Compostela.

Por haber, xa houbo un alcalde no pasado que se apelidaba Caballero, aínda que o escribano municipal escribíao coa letra uve. Aquel Caballero, volveu ser nomeado polo arcebispo de Santiago, unha vez que España volvera ao absolutismo de Fernando VII. O máximo responsable municipal, que tamén facía de xuíz, significou o retorno ao pasado, á cuncha que os liberais vigueses substituíra por unha oliveira.