Tres feridos nunha atracción por unha posible caída de tensión

Alejandro Martí­nez

VIGO CIDADE

M.Moralejo

Os brazos articulados «O Saltamontes» caeron de golpe

28 may 2017 . Actualizado ás 00:29 h.

Unha noite de diversión acabou a pasada madrugada nun gran susto en Vigo e volveu pór en cuestión as medidas de seguridade das atraccións de feira. Tres persoas resultaron feridas despois de que os brazos articulados do aparello ao que se subiron caesen de golpe.

O responsable da máquina dixo á Policía Local que a causa foi unha caída de tensión. A subministración fallara durante os últimos días pola tormenta de raios, aínda que feirantes que estaban a traballar á mesma hora na zona non notaron ningunha anomalía eléctrica.

Unha portavoz de Unión Fenosa confirmou ademais que non consta ningún problema na rede eléctrica á hora na que se produciu o accidente.

Vítimas

Os feitos sucederon durante a festa de mocidade organizada no barrio de Balaídos. As vítimas son dous mozos de Vigo e A Guarda de 24 e 25 anos, respectivamente, así como un home de Ourense de 72. A central de telecomunicacións da Policía Local recibiu a alerta do suceso pasadas as doce da noite. Unha patrulla presentouse pouco despois no lugar dos feitos, pero os afectados xa se habían ir polos seus propios medios para recibir asistencia médica no punto de atención continuada do antigo Hospital Xeral. As lesións foron leves. Dous deles xa foron dados de alta no centro de urxencias, mentres que o terceiro aínda estaba pendente de facerse máis probas cando chegou a policía para entrevistarse con eles. Os usuarios manifestaron ter sufrido lesións durante un das viaxes porque os brazos do Saltamontes baixaron moi rápido. A Policía Local informou aos mesmos do procedemento a seguir en caso de presentar unha reclamación polas lesións.

A patrulla entrevistouse co responsable da actuación, que recoñeceu a existencia dunha reclamación por parte dunha usuaria polas lesións sufridas nunha viaxe. O empresario ofreceu unha versión allea a calquera fallo que fose propia da maquinaria. Os axentes revisaron a documentación da atracción e comprobaron que estaba en regra. A pesar de cumprir coa normativa, este tipo de atraccións xeran moita desconfianza cando se producen accidentes deste tipo e con consecuencias máis graves. Unha nena de seis anos morreu a principios de mes despois de saír disparada dun castelo inchable no que estaba a xogar.