Máis Marco

Jorge Lamas Dono
Jorge Lamas O ÁTICO

VIGO CIDADE

10 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

E n esta traxedia que se aveciña, non hai bos, salvo os propios empregados do Museo de Arte Contemporánea de Vigo. Non hai bos porque o alcalde sitúa o diñeiro como baremo para marcar a dirección do barco, aínda que este navegue razoablemente ben desde o seu botadura. Non hai bos porque o Partido Popular, desde a Xunta e o Estado, presionaron a Abel Caballero a través da redución das súas respectivas achegas á fundación. E non hai bos porque a Deputación de Pontevedra deu as costas ao primeiro museo de Vigo. Neste caso aínda se presenta moito menos bo que o resto porque cando a reitora actual estaba na oposición queixábase das faltas de apoio de Louzán e compaña. Unha vez no palacio provincial, se che vin, non me acordo.

Así que todos os amantes do pensamento libre e do Marco como foco de reflexión estamos cos músculos tensionados, agardando o tortazo. Si sabemos de onde vai vir, pero non sabemos a intensidade do mesmo, só sabemos que quen paga manda. Agardo que este axioma non se faga extensivo a outras facetas da vida porque se non retrocederiamos aos momentos anteriores á proclamación dos dereitos humanos.

Reflexionen todos. A cidade necesita elementos de respecto exterior, que ademais son avalados pola cidadanía cos seus números de visitas. Non digo que todo non sexa revisable, pero desde a profesionalidade e a transparencia. Un concurso público determinaría o mellor candidato para seguir comandando este buque, que curiosamente partiu o día que se afundía o Prestige. Que non sexa premonitorio.