PSA prescindirá temporalmente de case un terzo do persoal de Madrid ata que lance un novo modelo no 2020

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO CIDADE

BENITO ORDOÑEZ

As vendas do C4 Cactus, o seu único modelo en montaxe, caeron case un 10 % en toda Europa

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Aforrar custe o que custe. A marca da casa PSA, que tan bos resultados lle está dando ao seu presidente, o portugués Carlos Tavares, aplicarase a fondo na planta madrileña do grupo (inscrita no polo ibérico de PSA que encabeza a factoría de Vigo), para aguantar o baixo nivel de produción actual.

O novo coche asignado a esta planta ten prevista a súa introdución no mercado no 2021 (a súa industrialización iniciarase despois do verán do 2020), o que supón que quedan por diante tres anos de «travesía do deserto», nun momento en que as vendas do C4 Cactus, o seu único modelo en montaxe, caeron case un 10 % en toda Europa e as exportacións fóra deste mercado son pequenas.

A factoría traballa en dúas quendas, producindo uns 460 coches ao día, fronte aos 1.800 de media que fabrica Vigo. Pero a baixada da demanda do único modelo que ten adxudicado fixo que os días de ERTE (expediente de regulación temporal de emprego) solicitados, que debían cubrir todo o ano, esgotaranse en maio.

Ante este escenario, o que PSA propuxo onte é reducir a unha quenda o traballo da fábrica, co obxectivo de producir ao redor dos 50.000 coches ao ano.

A multinacional considera insostible o manter a totalidade do persoal, que agora compoñen 1.446 empregados, durante os tres anos e busca unha redución de boa parte do excedente que se crea entre os operarios da cadea coa redución a unha quenda. En total son 972 as persoas que traballan na cadea e estipulouse que serían un máximo de 432 deles os que se poderían ver afectados pola redución laboral. Aínda que o que se acade ese máximo ou non dependerá de como evolucione a demanda do C4 Cactus.