Bruce non le

Begoña Rodríguez Sotelino
Begoña R. Sotelino Á expectativa

VIGO CIDADE

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai misterios con máis intriga e enxunlla que os que poderían imaxinar Donna León, Petros Márkaris, Patrica Highsmith e Dolores Redondo se coincidisen xuntos nunha noite de inverno atrapados pola neve nun motel de estrada en Alaska. Por exemplo, como se pode estar anos e anos queixándose da morte do libro, da fuxida dos lectores cara a outros mundos do lecer, do abandono dos clientes do formato en papel... e cando teñen a oportunidade de facer caixa, elixen non moverse nin un pouquiño. O Día do Libro en Vigo nada ten que ver coa euforia que se crea en Cataluña, pero pasar olímpicamente do asunto, indo cada libreiro pola súa conta, tampouco axuda. O Día do Libro 2017 caeu en domingo e con tal motivo, absolutamente todas as librerías de Vigo estiveron pechadas baixo sete chaves. Ben. Lóxico ter a túa xornada descanso. Pero poderían, por exemplo, decidir conxuntamente adiantar a celebración para o sábado, xa que ao ser fin de semana a maioría da xente ten máis tempo libre. Pois non foi así. Uns establecementos celebrárono o sábado e outros o luns. Se entre eles non son capaces de pórse de acordo para, previo permiso municipal, montar unhas mesas e saír á rúa a contaxiar o suposto amor ao libro que desde eses negocios profesan, entón, que pretenden contarnos cando non pairan de queixarse. Seguramente a súa xustificación é que facelo sería perder o tempo. Pero non facer nada é un argumento co que só pode gañar un premio Carmen Laforet. O resto o que se gañan é o Mundos Ignotos, un spin off do Planeta creado para aqueles que faleceron consumidos por malas expectativas.