Os vigueses viven o seu peor pesadelo co accidente no río Órbigo

VIGO CIDADE

A estación marítima era un agradable xardín a finais dos 70

16 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Trinta mil persoas déronse cita a finais de abril de 1979 no estadio de Balaídos. Acudiron a mostrar a dor de toda a cidade ante o case medio centenar de nenos e profesores do Colexio Vista Alegre falecidos no accidente do río Órbigo. Aquel día tamén morreu o condutor do autobús.

Literatura

Dúas baixas sentidas. Nin Celso Emilio Ferreiro nin Eduardo Blanco Amor naceron en Vigo, pero ambos elixiron esta terra para vivir en moitos momentos das súas vidas. A morte sorprendeu a ambas na cidade que os acolleu.

Universidade

Ciencias do Mar. En xaneiro, a xunta de goberno da Universidade de Galicia acordaba iniciar o expediente para a creación dunha Facultade de Ciencias do Mar e unha Escola Superior de Educación en Vigo. Ao día seguinte, o ministro de Educación asinaba un convenio coa Fundación Barrié para que esta construíse en Vigo a Escola Superior de Enxeñeiros Industriais.

Porto

Aduana. 1979 foi o ano no que se inauguraba en Guixar a nova estación de mercancías en réxime TIF. Contaba cunha delegación de Aduana o que lle permitía despachar as mercancías cara ao exterior do porto. Era a terceira que se abría en España.

Marítima

Conflitos. O mundo do mar acumulaba tensións co conflito con Portugal. As negociones pesqueiras co país veciño foron cualificadas de insatisfactorias polo sector. Ao mesmo tempo, os bacaladeros foron á folga para presionar aos armadores. Acumularon varios meses de folga. Aquel conflito afectou a mil mariñeiros.

Veciños

Coia. O vórtice especulativo que vive Coia leva aos veciños a oporse a moitos proxectos. Foi cando naceu o lema reivindicativo «A Bouza é nosa», que tivo bos resultados pero moitos anos despois.

Turismo

Un verxel. Os turistas que baixaban dos barcos na estación marítima percorrían unha fileira de tendas de recordos antes de encarar a zona vella. Ao final deste paseo polo suvenir abríase un pequeno recuncho verde presidido por grandes chorros de auga. Era un verxel dedicado ao mar, con elementos de navegación tradicional. Xusto detrás daquela fermosa pantalla situábase o edificio de Sanidade Exterior, cunha contorna moi deteriorada pero escondido por aquel conxunto escultórico. Hoxe, os turistas atópanse unha zona totalmente distinta a aquela de 1979.