«Para o público internacional será incrible mostrar aos percebeiros»

alejandro martínez BAIONA / LA VOZ

BAIONA

ALEJANDRO MARTINEZ MOLINA

A CNN grava unha reportaxe en Baiona para unha sección dixital que ten cen millóns de visitas mensuais

25 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Baiona está a cen millóns de clicks. A CNN culminou onte a gravación dunha reportaxe sobre a vida dos percebeiros que poderá verse dentro de dous ou tres semanas a través da súa canle dixital Great Big History, que conta con esa media de visitas cada mes na súa páxina web, e as contas de Twitter, Youtube e Facebook.

O videoreportero italiano afincado en Barcelona Alberto Chelleri desprazouse esta semana ata Baiona xunto co seu compañeiro Austin Brown, especialista no manexo de drones, para vivir de preto o traballo dos mariscadores e poder contalo ao público de todo o mundo. Para iso fixeron un seguimento do traballo da patroa maior, Susana González, e da súa irmá Isabel. Acompañáronas á marea para extraer o percebe e comprobar o perigo que entrañan as rocas de Cabo Silleiro. Asistiron á poxa da lonxa para observar en directo como cada tarde se fan as poxas. Entrevistáronas e onte culminaron o traballo cunha boa ración de percebes preparada no restaurante Miniño de Baiona.

Alberto Chelleri recoñece que se marcha impactado co traballo destes profesionais do mar. «Para o público internacional vai ser incrible o ambiente onde traballan, o mar, as rocas... Vai ter moito éxito, seguro», valoraba onte.

O seu obxectivo é destacar a importancia que ten este sector dentro da economía da comarca. Mostrando o traballo que realizan dúas persoas que son irmás queren destacar ademais como a tradición familiar tamén está moi presente neste oficio. De feito foi unha das cuestións que máis lles chamaron a atención cando decidiron viaxar a Galicia.

Alberto recoñece que seguir de preto o traballo das percebeiras foi unha experiencia apaixonante. «Hoxe o mar estivo tranquilito, pero onte estaba moito máis movido. Sentes a adrenalina, eu creo que é un traballo que engancha», recoñecía onte, sen deixar de recoñecer o seu respecto pola dificultade e os riscos que entraña esta dedicación.

O traballo audiovisual será unha das historias centrais do día cando saia publicado. «Facemos documentais de entre dous e tres minutos, pero tamén outros máis longos. Neste caso vai ser de entre oito e nove minutos e o tema principal son os percebeiros e, en particular, as irmás González, que levan tanto tempo dedicándose ao marisqueo», sinala Alberto. «Estivemos con elas dous días e saímos dúas veces a filmar mentres estaban a traballar e contáronnos un pouco como é a súa profesión e a tradición en Galicia».

Pareceulles atractivo contar a vida dos percebeiros «porque é un traballo único, pola súa tradición e importancia económica e cultural. Ademais había o plus de contar coas irmás. É todo un conxunto moi interesante», afirma. «Xa vira algunhas reportaxes antes de vir, pero estar aquí con elas foi do mellor», conclúe.

Alberto leva ano e medio traballando como reporteiro para a CNN. Móvese por toda Europa para buscar historias que sexan interesantes contadas polos seus propios personaxes. O seu compañeiro Austin acaba de abrir unha oficina en Londres, aínda que a sede se atopa en Nova York.

A patroa maior: «É fantástico todo o que supoña promocionar o sector e Baiona»

A patroa maior de Baiona, Susana González, recoñece que se prestou encantada coa súa irmá para a elaboración da reportaxe sobre o traballo dos percebeiros. Na súa opinión, é unha forma magnífica de dar a coñecer o sector marisqueiro e de promocionar Baiona.

«Paréceme fantástico, sobre todo pola parte de dar a coñecer o sector do percebe, o noso pobo e a restauración. Todo o que veña a enriquecer a nosa vila, estarei encantada de recibilo sempre».

Non é a primeira vez que a prensa internacional centra o seu interese na actividade dos percebeiros de Baiona. Hai uns días finalizou a rodaxe doutro documental sobre a pesca en Galicia que realizou a canle internacional de televisión Arte. Tres xornalistas da produción francoalemana elixiron a vila mariñeira para mostrar o sacrificado traballo dos percebeiros. Permaneceron aquí do 5 ao 14 deste mes para producir unha nova entrega da sección de reportaxes denominada Arte Re, na que introducen diferentes rexións de Europa e mostran o modo de vida dos seus habitantes.

O día a día

A produción do documental tamén incluíu a gravación do día a día dos percebeiros, o seu traballo nas zonas máis perigosas de Cabo Silleiro e tamén a toma de imaxes aéreas de Baiona. Ademais tiñan previsto falar con todos os sectores produtivos implicados na pesca, desde os propios mariñeiros ata a Confraría de Pescadores, a concellaría de Actividades Marítimas, a consellería de Pesca e os gardacostas, para poder ofrecer unha visión ampla desta realidade.