Detida en Chapela unha condutora con 29 landras de haxix

E.V.Pita VIGO

VIGO

E.V.Pita

A implicada xa fora capturada fai un ano en Ceuta cando ía subir droga a un transbordador con destino a Alxeciras

29 jun 2017 . Actualizado ás 00:33 h.

 A Garda Civil detivo o luns a unha viguesa de 23 anos por un suposto delito contra a saúde pública, ao ser sorprendida cando portaba 29 landras de haxix.

Unha patrulla de seguridade cidadá de Fornelos de Montes interceptou en Chapela, en Redondela, a un vehículo, cuxa condutora e única ocupante era sospeitosa de dedicarse á venda e distribución de droga a pequena escala.

Ao rexistrar o coche localizaron unha bolsa escondida debaixo dun dos asentos que contiña 24 landras de haxix. Entre os efectos persoais da condutora apareceron catro landras de haxix, 300 euros e un caderno con anotacións de nomes e cantidades asociadas que, segundo os investigadores, evidencian a súa ilícita dedicación ao tráfico de estupefacientes. 

A moza foi detida o mes de xullo do ano pasado con 2.400 gramos de resina de haxix na estación marítima de Ceuta, cando ía embarcar nun transbordador a Alxeciras.

A detida, xunto coa droga, o diñeiro e os demais efectos incautados, foi posta a disposición do xulgado de instrución de garda de Redondela, que decretou a súa liberdade provisional con cargos.