Caballero promete que a liga empezará con Río operativo

VIGO

M.MORALEJO

O Concello agarda acabar toda a obra de Balaídos en Nadal e apraza o debate sobre Mos

13 jun 2017 . Actualizado ás 00:15 h.

Sentados pero sen teito para protexerse da choiva ata outubro. Así estarán os espectadores que frecuentan o gradería que discorre xunto ao Lagares. A nova bancada de Río do estadio de Balaídos estará operativa para o inicio da liga (previsto para a fin de semana do 19 e 20 de agosto), segundo asegurou onte o alcalde, Abel Caballero. A empresa construtora xa trazou o perímetro de seguridade e nos próximos días instalarase o guindastre e comezará o desmonte da bancada actual, da que xa se retiraron as luces e o cableado.

Os espectadores poderán sentarse en Río para o primeiro partido ligueiro, aínda que a cuberta aínda non estará feita. Haberá que agardar a outubro para levala a cabo e a Nadal para que se complete toda a adecuación interior. O conxunto da nova bancada vai custar 6,8 milllones de euros.

Abel Caballero asegurou que a obra vai a «moi bo ritmo» e detallou que xa están practicamente retiradas as ópticas, os tornos e os focos, polo que, de xeito inmediato, arrincará a eliminación da cuberta, que ten que ser retirada na súa totalidade. A partir dese momento, establecerase unha malla aérea que finalmente soportará a cuberta azul celeste e que ten que ser instalada antes de que empece a tempada deportiva.

Caballero que non quere polemizar co Celta en canto á execución da obras do estadio, mostrouse «encantado» coa súa evolución. Tanto é así, que cualificou a rehabilitación da bancada do estadio como «o Guggenheim do fútbol en España». O rexedor recalca que os traballos se desenvolverán «segundo o proxecto e segundo o coñecemento e o que se lle notificou ao Celta ».

Sobre o órdago do presidente do Celta , Carlos Mouriño de ameazar con levar o estadio fóra de Vigo, Caballero deuse «unhas semanas máis» de prazo para romper o seu silencio respecto diso.

O alcalde reiterou que as novas obras van ser absolutamente compatibles cos partidos, como xa sucedeu coa bancada de Tribuna. Augurou que «vai quedar fantástico». Caballero lembrou que desde a oposición municipal díxose no seu día que, por motivo das obras, o Celta íase ter que trasladar ao Porto para xogar a competición europea, cousa que non sucedeu «e ninguén dimitiu».

O rexedor non quixo comentar o ofrecemento reiterado da alcaldesa de Mos de facilitar terreos ao club celeste.