A serie «O final do Camiño» convértese en embaixadora da provincia

La Voz VIGO / LA VOZ

VIGO

Pontevedra serviu de localización para lugares de Sevilla, Toledo, Francia ou Marrocos

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Tras o seu paso por dous dos mercados televisivos máis recoñecidos, o Mipcom de Cannes e no Natpe de Miami, a serie O final do Camiño foi presentada este mes de abril e da man de TVE, no MIPTV de Cannes, o mercado internacional de contidos para televisión e medios dixitais máis importante de Europa. É a primeira gran serie de ficción feita en Galicia para España e cunha clarísima proxección internacional. Gravada maioritariamente en Pontevedra, a serie exerce de embaixadora da provincia alí onde se presenta.

O final do Camiño, producida por Voz Audiovisual e emitida en Televisión Española, Televisión de Galicia e as súas canles internacionais, mostrou a toda España e ao mundo enteiro algúns dos recunchos máis fermosos e descoñecidos da provincia de Pontevedra, que serviron para dar vida ás localizacións dalgunhas das pasaxes máis relevantes da historia da construción da catedral de Santiago e a configuración da ruta xacobea.

Tras catro meses de traballo intenso, a serie chegou en xaneiro á pequena pantalla. Trátase dunha historia de aventuras na que conviven personaxes ficcionadoscon personaxes históricos recoñecibles. De fondo, a construción da Catedral de Santiago e o apoxeo do Camiño como elemento vertebrador dos reinos cristiáns da península. A ficción leva a lugares tan importantes naquel momento, como as cidades de Toledo e Sevilla ou a rexión do Rif, en Marrocos. A maioría deses lugares recreáronse na provincia de Pontevedra. A repercusión económica foi moi importante en todas de Pontevedra que acolleron a gravación.

Repercusión económica

A fervenza de Escuadro, a praia fluvial de Cira, Patanín (na Estrada) e os bosques de Saidres serviron de localización para os arredores de Compostela e a igrexa de San Pedro de Ansemil, acolleu o ficticio sepulcro do Apóstolo Santiago. Pola súa banda, a terrible batalla de Uclés librouse nas Brañas de Xestoso. E moi preto de alí, na canteira de Rosende, recreouse o norte de África; a rexión do Rif, onde Pedro de Catoira viviu o seu cativerio e a súa conversión ao islam.

As obras da catedral de Santiago ambientáronse no mosteiro de Carboeiro; e o pazo de Donfreán, en Lalín, deu vida ao poboado de Catoira, no que pasaron a súa nenez os tres irmáns desta historia e que foi arrasado polos sarracenos, para desgraza dos protagonistas.

No mosteiro de Santa María de Aciveiro, en Forcarei, pasou a súa infancia e mocidade a raíña Constanza, no seu fogar de Chalóns (Francia). Tamén alí se gravou o concilio de Husillos, tras a caída en desgraza de Diego Peláez. E así, tantos e tantos lugares que os pontevedreses, agora, poderán recoñecer e que luciron en todo o seu esplendor na pequena pantalla.

A serie O final do Camiño con actores como Antonio Velázquez, Begoña Maestre, Guillermo Barrientos, Asier Estendía, Ismael Martínez, Juan Fernández, Joan Massotkleiner, Manuel de Blas, Jaime Cheirabas, Patricia Peñalver, Paco Manzanedo, Maxi Iglesias , Abdelatif Hwidar, Said O Mouden, Inti O Meskine, Jean Dominikowski, Rafael Rojas, ou os nenos Sergi Méndez, Sergio Barbieto e Paulo Rodríguez, entre outros.

Un territorio envorcado co proxecto: veciños, empresarios e a Deputación colaboraron

O esforzo realizado por Voz Audiovisual mereceu a pena. A produtora quixo agradecer a todos os pontevedreses que puxeron o seu granito de area nesta serie pola súa colaboración. E foron moitos. Non se trata só de figurantes, senón tamén de artesáns, hostaleiros, transportistas, traballadores de empresas de servizos, funcionarios, organismos como a Deputación Provincial e diversos concellos, ademais de veciños con ganas de participar en algo que sabían que ía ser grande, para eles e para a súa provincia.

Unhas catrocentas persoas participaron na produción do final do Camiño: case 200 técnicos, un centenar de actores e actrices, decenas de figurantes e especialistas... e o equipo de construción e ambientación que traballou nas instalacións da Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. Alí, entre a arboleda que alberga o recinto, levantáronse as vivendas e murallas que deron vida á Compostela do século XI. Xa no interior dos pavillóns, recreáronse espazos tan significativos como a vivenda dos protagonistas, a taberna, o sanatorio ou os salóns máis rexios de Toledo e Sevilla.

No final do camiño hanse recreado batallas e escaramuzas nos bosques galegos e a campo aberto ou ante as murallas de varias cidades; escenificado desembarcos almorávides e ataques costeiros dos piratas sarracenos, reproducido as intrigas de palacio e revoltas populares.... Todo iso baixo a atenta supervisión dun equipo de historiadores para recrear coa maior fidelidade posible as edificacións, as vestimentas e, en xeral, os costumes da época que viu construír a catedral de Santiago e na que naceu unha tradición que aínda hoxe traspasa fronteiras: o Camiño.