Guinda europea para un ano de dez

M. V. F. VIGO

VIGO

XOAN CARLOS GIL

O Amfiv organiza a Challenge Cup coa ilusión de gañala e redondear unha tempada histórica

26 abr 2017 . Actualizado ás 08:30 h.

Se se lles pregunta ao adestrador do Amfiv, César Iglesias , e a unha das súas referencias sobre a pista, Agustín Alejos, polo obxectivo que teñen para a Challenge Cup que acolle Vigo esta fin de semana co seu club como anfitrión, as respostas non coinciden. O técnico é máis cauto, evita falar dunha meta clara; o xogador pola contra, non esconde que buscan gañar. En todo caso, o transfondo dos seus discursos si é común: os dous sosteñen que o equipo vigués de baloncesto en cadeira está ante un evento ilusionante que queren que sirva para promocionar a súa disciplina deportiva na cidade.

«O club fixo un gran esforzo por traer a competición aquí, levamos tempo preparándonos e estamos impacientes por que chegue», di Iglesias . Pero a meta da vitoria prefire circunscribila por agora ao primeiro partido, no que se medirán o venres ao Marsella. «Prefiro enfocalo desde unha perspectiva simple e non global da competición. Queremos competir ao máximo, dar unha boa imaxe e, partindo de aí, chegar o máis lonxe posible».

Alejos ten entre cella e cella a idea de redondear con esa vitoria continental unha tempada de ilusión na que el regresou ao equipo onde se formou. «No individual conseguín a medalla olímpica e logo fomos terceiros na Copa e xa nos aseguramos a nosa presenza na Final Four. Gañar este torneo sería culminar un ano espectacular e imos por iso», expresa.

O mellor curso da súa historia

Por unha banda os dous móstranse sorprendidos da tempada que está asinando o equipo, pero só en certa medida. «Eu sabía que tiña un bo equipo, que nos reforzamos con boas fichaxes. Pero daquela a clave estivo en como callou o grupo humano e como traballamos desde o principio», detalla o preparador. Da mesma idea, nisto si, é Alejos, que cre que a competición lles pilla no mellor momento posible. «Despois de nove vitorias seguidas perdemos co Ilunion, que xa se sabía que era moi difícil, pero volvemos gañar e logramos o billete para a Final Four. Se non é a mellor tempada da nosa historia, está moi preto».

Tanto Alejos como Iglesias viviron desde dentro a anterior incursión europea do Amfiv. O primeiro fala dunha «espinita» cravada e dunha maior experiencia ao seu favor para afrontar o novo reto. Alejos engade que xogar nunha das mellores ligas europeas e ante o seu público pode darlles o cartel de favoritos. «Nós non queremos pórnolo, pero si que se pode pensar. A vantaxe do resto é que os nosos partidos se gravan e poden vernos, mentres que ao revés é moi complicado».

Outro punto no que coinciden ambos é en que se o fundador da entidade, Pablo Beiro, está presente de xeito permanente na vida do club, agora máis se cabe. «Temos que loitar polo título polo equipo, por nós e, sobre todo, por el», indica Alejos. E agardan que sexa nun pavillón cheo que lles leve polo aire.