A automoción como motor de Galicia

Alberto Vaqueiro

VIGO

22 sep 2016 . Actualizado ás 04:00 h.

Resulta evidente que a industria da automoción é unha das principais actividades para Galicia e un dos seus motores económicos, sobre todo para a comarca viguesa. A análise estatística así o testemuña. Na actualidade esta industria supón máis de 19.000 empregos directos, aos que se poderían sumar outros 24.000 indirectos. A súa facturación anual representa o 15 % do Produto Interior Bruto de Galicia (8.200 millóns de euros en 2015), xerando o 12 % do emprego industrial e máis do 30 % das exportacións galegas.

Son moi poucas as industrias galegas que teñen unhas cifras similares. Ademais, non hai que esquecer que o seu rendibilidade económica se atopa por amais da media das actividades produtivas de Galicia. É máis, se elaborásemos un ránking por xeración de ingresos, a importancia do sector da automoción sería superior ao que se produce na industria agroalimentaria, á construción e á industria pesqueira. Unicamente o sector da automoción estaría por baixo da actividade téxtil, confección ou moda. A súa importancia estratéxica supera o ámbito rexional, acadado cotas nacionais, xa que a produción galega representa o 15% do total de vehículos de toda España.

Por todo o anterior, non é de estrañar que a administración autonómica clasifique ao sector da automoción como un alicerce estratéxico para a nosa economía, equiparando a súa importancia a outras actividades como o turismo, a produción téxtil e a xeración de enerxía. A súa importancia é vital para o conxunto de Galicia.

Ademais, non podemos obviar que aínda que durante os anos de crise todas as industrias sufriron importantes diminucións, un de sectores que mellor soportou esta deterioración foi precisamente o da automoción.

A el debémoslle o mantemento e a posterior mellora dos indicadores industriais en Galicia.

Parece, a tenor da actual situación, que xa pasou aquela etapa de estancamento das exportacións de vehículos e que de novo, a automoción galega está mellorando a súa competitividade. A apertura a novos mercados e a aposta decidida pola innovación parece que xa están a xerar os seus primeiros froitos. A conclusión é evidente: unha das nosas locomotoras económicas non vai sobre raíles, senón que ten (e vai) como unha seda.