Descobren no Trega unha gruta do século IV antes de Cristo única no norte peninsular

Monica Torres
mónica torres A Guarda

VIGO

monica torres

Na estrutura, de cinco metros de longo, acháronse restos de ánforas púnicas e de figuras de bronce

18 feb 2016 . Actualizado ás 21:46 h.

O equipo de arqueólogos de Rafael Rodríguez descubriu en Santa Trega unha gruta do século IV antes de Cristo. O experto, que dirixe a maior intervención realizada ata a data no barrio descuberto por Cayetano de Mergelina nas escavacións efectuadas entre 1928 e 1933, confirmou onte este insólito achado durante a presentación do proxecto da Deputación e o Ministerio de Fomento para a posta en valor dos 18 xacementos galaico-romanos da provincia. «Non hai nada similar en todo o noroeste peninsular. É, sin duda, un achado sorprendente, unha casca de ovo arqueolóxica», indicou entusiasmado.

Trátase dunha gruta duns cinco metros de longo e 2,20 de profundidade na que localizaron, ademais, pedazos de ánforas púnicas e figuras de bronce. «Aínda non puidemos dar coa súa utilidade, está vinculado ao almacenamento e, ao principio pensamos que puidese ser para extraer arxila, pero non tería sentido porque estaba tapada con jabre», explicou a pé de escavación. Lembrou que existen lendas do imaxinario galego que falan do submundo dos castros, pero puntualizou o carácter científico do seu traballo.

«O certo é que esta escavación nos está xerando máis interrogantes que respostas a preguntas pendentes», confirma Rafael Rodríguez tras medio ano de traballo en Mergelina. Neste tempo confirmaron a hipótese deste catedrático que remonta a primeira ocupación do principal castro galego ata o século IV antes de Cristo, dous antes do que se coñecía. «A datación é unha das afirmacións rotundas que caeron pero tamén o deseño do castro, porque se falaba dun protourbanismo pero non, isto é urbanismo real con rúas públicas e privadas, os muros delimitan os barrios nos que estaba dividido todo o monte», sinala.

Rodríguez apunta outras sorpresas como a de que en todo o monte había un sistema de canalización e drenaxe da auga. É paradoxal porque 2.000 anos despois o segundo lugar máis visitado de Galicia non ten estes servizos. O alcalde Antonio Lomba, que destacou a centralidade do Trega e dos novos proxectos, lembrou que dotar de auga e de saneamento ao Trega segue sendo unha prioridade.

Outra das incógnitas é o uso das cistas que apareceron en varios puntos deste barrio, perfectamente distribuído sobre unha superficie de 2.000 metros cadrados con 45 estruturas (11 casas familiares). Estes recipientes poderían ter tido distintas finalidades, talvez posibles maceteros aínda que «hai bancos que poderían empregarse para ritos de divindades». Na datación foi tamén importante a localización de tres moedas, «unha de Augusto, outra de Tiberio e unha terceira de Claudio».