Juanfran: «quedo»

TORRE DE MARATHÓN

GONZALO BARRAL

O lateral branquiazul recoñece que rexeitou varias propostas para irse e agora só pensa en seguir e soña con volver xogar con Lucas. «Aquí ten o 7 e o brazalete agardando por el», asegura

27 jul 2017 . Actualizado ás 12:04 h.

Non ten o Deportivo a Gerard Piquei para sacar un chío anunciando a non saída dun compañeiro. Por iso, Juanfran quixo protagonizar el mesmo a imaxe da pretemporada tranquilizando á afección branquiazul sobre o seu futuro. Despois de moitas propostas, máis ou menos directas, o lateral branquiazul teno claro e así o manifestou tras a sesión preparatoria desta mañá: «quedo».

«Non podo dicir que sexa deportivista de nacemento, porque non é certo. Pero a miña filla si e eu sinto este club como meu», expresa con firmeza, Por este motivo, e aínda que admite que rexeitou propostas de Francia, Bélxica, Rusia, Turquía, Reino Unido... cre que é o momento de pechar a porta e botar o ferrollo. Por este motivo, agarda que o club faga oficial que executou a opción de compra do 70 % do seu pase e, se pode ser, que adquira o 30 restante: «Non sei por que non o fixeron público como con outros compañeiros. Supoño que será porque todo o mundo daba por feito que eu continuaba. Iso si, gustaríame que negociasen para comprarme todo e ser totalmente do Deportivo. Pero non é algo que dependa de min. Eu teño claro onde quero estar e nunca dixen que me quixese ir. Estou a gusto, feliz e agardo seguir aquí moitos anos e contribuír a que o Dépor volva crecer e situarse o máis arriba posible», expresou.

E neste camiño de crecemento, Juanfran cre que Lucas podería ser fundamental. E é que o lateral está ilusionado co regreso do coruñés. «Todos queremos que volva a casa. Sería un gran salto de calidade. Aquí agardámolo co seu 7 e o seu brazalete de capitán». Porque se algo ten claro o madrileño é que o dianteiro de Monelos ten que integrar esa nómina de capitáns en caso de regresar: «Temos un gran capitán, que o seguirá sendo, como Pedro Mosquera. Pero se vén Lucas tamén debería selo. E, persoalmente teño un terceiro nome, que como futbolista, persoa e personalidade, é o meu preferido para ocupar a capitanía. É Celso Borges», xustificou.

E tan claro ten o madrileño a conveniencia de fichar a Lucas, que pide ao club que teña paciencia e agarde ata o final para pór a guinda a un persoal que considera competitiva, aínda que cre que non hai que botar as campás ao voo aínda: «Xogamos contra rivais de inferior categoría, así que aínda é pronto para falar. Hai boas sensacións, pero é moi pronto», puntualizou.